[c.jpg (9588 bytes)] | Textos | Crítica | Debates | Informes | Cantigas de Amigo | Enviar Correo | A LINGUAXE DAS MAPOULAS de Beatriz Dacosta E andamos coma tolos na procura do facho das palabras. Os nosos corpos, espantallos tristes, ardían nun magma escuro. Ficamos sós, na herba, onde os vagalumes aniñaban os cabelos do millo coma cravos perdidos da mañá. Esvaramos no sangue, clorofila mudable do silencio, onde margaridas profanadas emiten bágoas con acuse de recibo. E andamos, incrustados de cristal nas matrices de cemento, nubes blindadas onde os bafos estimulan híbridos de alcohol e cocacola. Morcegos da noite agochados no ventre da chatarra. Alí ficamos, con bicos de plástico ata desgastar os labios, succionando os dentes. Barullos marelos implantaban estereotipos: animais suburbanos sen medio de transporte. E nós, baixo o óxido da choiva, construímos con arames o eixo das arxilas. Alí ficamos, no niño metálico da distancia. E andamos ateigados de croques coma inventarios de esquezo. Amabámonos baixo a ponte, arrimados ó chasis do coche. Ás veces fuxiamos coma tolos, ávidos de gasolina cara ó lume palpando cos dedos o líquido viscoso, vibrante nas arterias do chumbo. Na estrada iconas de stops armaban as pezas das palabras, onde as eirugas se alimentan; e nós gaiolas de fibra óptica e neon, rastrexábamos os naufraxios dos estímulos cara ó albor, achegándonos á nada. E andamos, enchendo os petos con música lonxana de formigas. Caía o serán coma monolito de ausencias para caldear os ósos, barrios de carteis publicitarios. Coma cempés, paseamos os soños de iceberg en monumento de nanas presentidas, solidariedade na lareira das imaxes, mentres insaciables repetíamos o tacto orballado en camuflaxe de perfume. O espacio pendurou un intre achegándonos á beira dos arames, invadidos de choques e ferruxes. E andamos, na boca do peirao percorrendo vapores que non chegan, coma redes de barro diluíndonos no océano. Os mariñeiros penduraban do pasado peixes fusiformes cravando os espolóns nas beiras microscópicas da ferida. E xogamos ás palabras mentres anacos de homes choraban zume descafeinado de calos con espiñas. E xogamos cos chíos incesantes das gaivotas a coser encaixes de plumas con tarxetas de crédito. Cansos, coma debutantes coirazas de aceiro, preferimos que o aire fose chumbo. Na lonxanía da carne, onde as unllas doen ó rabuñar o baleiro, a siderurxia sorriu. E andamos, nas sílabas da labranza con golpes químicos nos regos da semente e revistas de sofre virtual estercando viñas e os sucos dos arados. O labrego conxurou o noso nome cuspindo os eidos con trincheiras onde o cuco fai o seu niño. Algunhas púas ficaron coma mel nas cordas das árbores inxertadas. E andamos, ás veces trocábamos anceios por tabaco cun anaco de silencio. Botafumeiros de palla nas caldeiras do pulmón, emitíamos grisú marelo coma minas do norte. Os homes mantiñan ritos subterráneos coma ficción, mundo na nosa escuridade, entre as pedras, coma animais de asfalto desprezando emporcados uniformes, sen saber, sen comprender, sen albiscar a luz clara e dura dos seus pensamentos, a forza dos latexos cravados na terra coma garfos, nus, sen preguntas, coma ferro. E andamos, velocípedes espichando espacios mentres as sementes dos homes ficaban no baleiro coma unha gaiola de latón e imaxes recicladas. A materia podreceu no asfalto, coma magma, remuíño de lume adubando soños, cicatrices, no camiño onde non medran flores nin nenos: só xuízos prematuros de tecidos e camaleóns mudables. E nós, tanxendo a campá do peito, badaladas de aceiro na ledicia do chumbo. E andamos, instaurando novas ordes, misioneiros grises do silencio, afogando fonemas onde o feto da palabra aniñaba o seu corpo. Eriximos o imperio, imaxes elaboradas arrastradas de slogans e prototipos. Reino celuloide, maxestosidade de modelos e donuts con implantes de titanio. Ollos suburbanos, plebe sen raíces, vagando sós, nos bailes de salón e espullas mutiladas de esquezo, ignorando bágoas onde as gafas reproducen os anceios das formas, esencias típicas das cores.