[Image] | Textos | Crítica | Debates | Informes | Cantigas de Amigo | Enviar Correo | Arte, Nacionalismo e Vangardas, lectura do libro Manuel Antonio e as vangardas de Xosé Ramón Pena Sánchez, Ed. Sotelo Blanco, Compostela, 1996. por Begoña Eguizábal Gándara Cando en 1935, cinco anos despois da morte de Manuel Antonio e sete da de Amado Carballo, Augusto María Casas escribía "A poesía galega do noso tempo, principalmente a chamada poesía nova, meresce un estudo fondo e serio" non se imaxinaba a de anos que terían que pasar para ver atendido o seu lóxico desexo. Continuaba o crítico dicindo "Xa ten a nosa lírica, nas derradeiras xenerazós de poetas, unha cabal amplitude, un ámbito de ciclo que esixe de nós unha preocupación crítica para acadar isas fórmulas arcanas que dan caráiter a cada época". En 1996, despois de numerosos estudios e interesantes edicións sobre autores concretos e parciais intentos de teorización en revistas e xornais, aparece da man de Xosé Ramón Pena o volume Manuel Antonio e a vangarda, que supón, tal como indica o seu título, unha aproximación á obra manuelantoniana e á literatura galega da época atendendo, especialmente, ás circunstancias sociopolíticas, socioculturais e sociolingüísticas concretas nas que se orixina e se desenvolve, e ás aportacións teóricas e líricas da súa particularísima poética. Moitas páxinas se teñen escrito sobre este fenómeno, abundantes e dispares opinións suscitou esta particular parcela da arte galega. Recordemos, como mostra, o xuízo manifestado por Xesús González Gómez no seu estudio Manifestos das vangardas europeas (1995), no que declaraba "Non existiu vangarda na Galicia, nin poética nin pictórica. Existiu renovamento, renovación; renovación que esixía a incorporación de elementos, de signos vangardistas, pero que nunca podía dar froitos vangardistas" Lonxe da anterior afirmación, o presente traballo parte da premisa da efectiva presencia dun movemento vangardista en Galicia, estética que estaría encabezada por Manuel Antonio. Á súa vez, esta vangarda conviviría con outra de caracter "matizado" ou moderado que tería no neotrobadorismo de Álvaro Cunqueiro e no hilozoísmo de Amado Carballo os seus principais referentes. Dentro destas coordenadas, aborda o problema de especificar o qué hai de orixinal e de específico na manifestación da nosa vangarda e, ó tempo, significar a ausencia ou presencia de movementos e estéticas que atravesou o noso país nas primeiras décadas do presente século. Como o propio autor apunta na nota introductoria, este texto, que se converteu finalmente nun libro independente, é, en realidade, o resultado da recolleita e refundición dunha parte da tese de doutoramento titulada "Literaturas galegas de vangarda", estudio que perseguía, a un tempo, entrever cómo, cándo e por qué aparece e desaparece a vangarda entre nós e interpretar adecuadamente a protesta de Manuel Antonio xunto co seu papel dinamizador das correntes renovadoras da poesía galega dos anos vinte. Adéntrase o estudio na dialéctica existente entre o discurso nacionalista e a revolución dos ismos co fin de ofrecer unha explicación do emerxer das vangardas durante a década dos anos vinte en función da conciliación dos textos literarios e os fenómenos históricos e sociais. Con este propósito céntrase na análise de cuestións teóricas de fondo de índole estética, política e social. Declara Xosé Ramón Pena: "Galicia vén ser tamén unha creación dos literatos galegos: unha creación na que participan elementos autóctonos mesturados coa achega do exterior". Recordemos que en 1920 Risco publicaba Teoría do nacionalismo galego e daquela convértese no principal teórico das Irmandades. Neste contexto Ramón Cabanillas participa decididamente do proxecto risquiano e así constantes na súa obra son o sentimento da terra, o valor da historia e da xeografía nunha nacionalidade diferenciada, a celticidade de Galicia, a confianza nos destinos da raza, a crenza de podermos constituír o centro dunha nova civilización atlántica. En consecuencia, o poeta de Cambados ó longo de aproximadamente quince anos (1915-1930), representou a verdadeira estética oficial do nacionalismo e o papel de auténtico poeta oficial das Irmandades. Perante este estado de cousas a actitude radical de Manuel Antonio e toda pretensión de ruptura radical non teñen cabida, como tampouco a teñen calquera tipo de vangarda radical fronte a Cabanillas, ós homes de Nós e aínda apurando a cousa ó hilozoísmo ou ó neotrobadorismo, é dicir, toda sorte de vangarda moderada. Neste aspecto, o autor da presente publicación difire en parte da opinión doutros críticos como Anxo Tarrío ou Arcadio López-Casanova, e se ben pensa con eles que si houbo unha mudanza de rumbo, por contra diferénciase na opinión de que este cambio non chegou a significar unha decidida orientación vangardista maioritariamente asumida. Así, continúa, o único manifesto "¡Máis alá!" é soamente asinado por dúas persoas, predomina a aventura individual diante da total ausencia dun grupo máis ou menos coherente organizado arredor dunha estética claramente teorizada. Xa en 1979, en A poesía de Manuel-Antonio nas literaturas de vangarda, o referido autor afirmaba que tan só el de entre os seus compañeiros foi quen de transgredir a norma con forza e seguridade. Fronte a este posicionamento, en solitario, o resto da vangarda galega aparece como unha vangarda pactada, mitigada e moderada e así, no cruce que leva dos prósperos anos vinte cara ós difíciles trinta, a tendencia xeral será proclamar a volta á orde. Os líderes do galeguismo e os representantes da mocidade vangardista concordaron parcialmente nos camiños que cumpría seguir, polo menos nos primeiros pasos, e aceptaron os criterios orientativos deses maiores como referente ético. Moi novos, os vangardistas galegos sostiveron unha relación de certa ambigüidade cos maiores e nin se rebelaron abertamente nin aceptaron, tampouco, a pura dependencia. Mais a ambigüidade, así mesmo, estivo presente na actuación de Risco. Paralelamente, neste mesmo contexto irromperon as novas correntes, promocionáronse os ismos e, finalmente, concretizáronse en dous principais movementos que tradicionalmente aparecen considerados como a concreción da arte nova na literatura galega: hilozoísmo e neotrobadorismo, conseguindo mesturar adecuadamente, nun todo, tradición e modernidade. Encádrase pois o hilozoísmo, e concretamente Amado Carballo e os seus seguidores, nesa ansiada simbiose entre o elemento tradicional coas contribucións propias da vangarda, das que procede a busca de imaxes novas e sorprendentes e a procura de novas linguaxes dende as letras galegas. Polo que respecta ó neotrobadorismo aínda que non sexa doado consideralo como un movemento exclusivamente encadrado na vangarda en canto que supera a liña da guerra civil, considera o autor, que na cantiga de amigo, fronte á cantiga de amor, se produce unha simbiose perfecta entre culto e popular, conectando neste aspecto con outras correntes da lírica peninsular do momento, tal é o caso do neopopularismo, o gilvicentismo español ou os versos ó gusto popular de Fernando Pessoa. Apunta tamén o crítico que todos estes movementos líricos se encontran nunha perspectiva común inscrita dentro dun popularismo transcendido e de raíces románticas. A exoticidade dos cancioneiros e o suposto primitivismo e inxenuidade latente nas cantigas cadran perfectamente coas ansias de pureza, coa procura de transparencia e renovación presentes na vangarda. Conclúese este apartado ó se considerar o neotrobadorismo fóra dos esquemas da vangarda, podendo falar exclusivamente dun neotrobadorismo vangardista de Cunqueiro fronte á poética de Bouza Brei, encadrada máis nas claves dun neotrobadorismo clasicista ou formalista, e aínda outro de carácter arqueolóxico imitativo, propio de certos autores de posguerra. Nesta visión panorámica pormenorizada alúdese tamén ó papel sobranceiro que tiveron as revistas literarias nos procesos vangardistas na práctica totalidade das diferentes correntes internacionais. É de salientar, no que atinxe á difusión das pezas, que boa parte da literatura galega dos anos vinte e trinta apareceu espallada en publicacións periódicas e así, unha importante parte do debate sobre a renovación literaria galega e moitos dos textos de creación apareceron na prensa diaria da época. Neste neste aspecto, xogaron un papel destacado as revistas Ronsel (emblema da actividade editora dos supostos partidarios da arte nova), Alfar e, posteriormente, Cristal, Galiza ou Resol, ó par dos xornais Galicia, El Pueblo Gallego e La Concordia. Mais ningún destes medios se erixiu en voceiro da nova estética, senón que, paralelamente, os nosos vangardistas participaron activamente en publicacións das xeracións anteriores, tal é o caso de A Nosa Terra ou Nós, reflexo evidente da precariedade do mundo editorial galego e da recepción do libro galego na sociedade daquel tempo. No tocante ó estudio da figura e da obra manuelantonianas parte o crítico, cremos que acertadamente en canto que os manifestos son puras definicións dunha poética de ruptura, da lectura de cada un dos textos programáticos "Prólogo de un Libro de poemas que ninguén escribeu", "Fatiguémonos", "Un poeta da nosa terra" e "¡Máis alá!", os dous primeiros aparecidos no xornal Galicia, o 25 de agosto de 1924 e o 26 de xaneiro de 1926, respectivamente¾ póndoos en conexión co conxunto da súa correspondencia e coa evolución da súa poética a través dos textos coñecidos. Así, dá conta da implicación de Antón Villar Ponte na publicación do manifesto ¡Máis alá!, das circunstancias políticas do momento (loitas no seo do galeguismo), do papel que revestía a cultura no proxecto galeguista, con Risco á fronte, e en definitiva do interese de Manuel Antonio e dos que o rodeaban de converter o manifesto nun ataque frontal, estético e político, contra "os vellos" que monopolizaban o poder na Irmandade coruñesa e nas páxinas de A Nosa Terra. Continúa a dicir o estudioso que en 1922 Manuel Antonio non posuía un programa propio definido e o cultivo da individualidade se constituía como única fórmula adecuada. Os poemas anteriores ó manifesto, así como os diferentes textos teóricos confirman o seu progresivo achegamento cara ás vangardas e corroboran a súa inseguridade e irresolución programática. Certo é que o manifesto lle debe moito ás teorizacións estético-culturais de Risco ó facer fincapé na importancia da arte nos rexurdimentos raciais, mais o apoio de Risco e incluso o de Villar Ponte van ter uns límites precisos ó ir o rianxeiro "demasiado alá" nas súas pretensións. En consecuencia, mentres Manuel Antonio extrema cada vez máis a súa postura na procura da comuñón de esencia nacional máis modernidade, Vicente Risco, desilusionado da novidade dos ismos deserta da radicalidade do postulado en composicións como "U... ju juu..." ou en traballos como aparecido en 1917 en La Centuria "Preludio a toda estética futura", onde manifestaba "No somos ni modernos ni actuales, sino futuros; por que es necesario crear un futurismo nuevo. El de Marinetti debemos darlo ya por anticuado". En definitiva tanto os manifestos, como as proclamas, como as cartas conservadas demostran a presencia continua do rexeitamento do folclorismo ruralizante do pasado e o desexo de romper con aquilo que se estaba a facer no mundo da lírica galega. Tal proceder vaino levar a se distanciar do galeguismo e dos posicionamentos de Risco, co cal se cuestiona a xenerosidade intelectual deste último, e en xeral dos homes de Nós, perante a suposta apertura da arte galega ás novidades da vangarda. Ramón Pena, como en anteriores ocasións e coincidindo con críticos como Xosé Ramón Castro, desbota o tópico do total apoio dos homes de Nós a este proxecto. Innovación, mais non confrontación, as "necesidades do galeguismo" axudaron á mudanza pero tamén actuaron como freo perante o pronunciamento dos ismos, é dicir, a vinculación dos novos co movemento nacionalista conlevou a subordinación dos principios renovadores perante as necesidades do galeguismo no seu proceso de consolidación e espallamento. O proxecto risquiano consistía en ser modernos e tradicionais a un tempo e, en resulta, daquela o que triunfou foi, como xa quedou dito, unha vangarda matizada, unha vangarda atenuada. Finalmente, tal como o propio o autor afirma e se pode observar pola bibliografía citada, o presente traballo é herdeiro de todos os que con anterioridade abordaron o tema, en tanto que revisa e comenta as principais voces e opinións pronunciadas ó respecto. Redundan estas páxinas nun equilibrado labor de divulgación dun importante capítulo da nosa historia e representan unha extraordinaria síntese e revisión do que se vén considerando como literatura galega de vangarda e, en especial, da obra de Manuel Antonio mediante unha contextualización global que supera, en certa medida, o marco galego coas ideas e os autores nos que certamente se forxou.