[Image] | Textos | Crítica | Debates | Informes | Cantigas de Amigo | [Image] Antón Avilés de Taramancos (Noia 1935- A Coruña 1992) Obra poética: As moradías do vento (Revista Atlántida, A Coruña, 1955) A frauta e o garamelo (Moret, A Coruña, 1958) O tempo no espello (Ediciós do Castro, Sada, 1982), este volume inclúe ademais dos dous primeiros libros os titulados Poemas a Fina Barrios (1959), Poemas soltos a Maricarme Pereira (1961) e Os poemas da ausencia (1961-1981) Cantos caucanos (Sotelo Blanco, Barcelona, 1985) As torres no ar (Sotelo Blanco, Barcelona, 1989) Antoloxía poética (Editorial Compostela, Santiago, 1992) Última fuxida a Harar (Espiral Maior, A Coruña, 1992) Texto crítico sobre a poesía de Avilés de Taramancos [Image] Agora mesmo de taberneiro, en Noia, como François Villon escribirei de vez en cando algún poema. Pero como ves non son un poeta de oficio nin oficial. Son sempre o que chega tarde e dalgún xeito quere face-la súa sementeira e a súa colleita cun esforzo que a outros lles vén mais mainiño polo tempo e a paciencia. Eu non teño nin unha cousa nin outra. Son a grandeza e a miseria da poesía. Un francotirador da fermosura. Da "Introdución" a O tempo no espello, Ediciós do Castro, Sada, 1982. [Image] PRIMEIRO AMOR, PRIMEIRA MORTE A Fina Bárrios, como epílogo do meu libro «Pequeno Canto» (1959) Todo canto eu amei perdéuseme contigo: a luz clara e vibrante da miña xuventude, os bosques entrañables perfeitos de quietude onde o vento vivía con un lecer antigo. Entón era o silencio o meu mellor amigo, era eu namorado de todo canto vía vivir era unha leda, fermosa moradía onde o mencer entraba recendendo a pantrigo. De súpeto viñeches con esa lonxanía, caraveliño feble en terra ventureira e eu abrín outra nova fiestra para o día. E todo canto amei foi unha lumieira, foi a fouce tan íntima que de cote se afía para ceifar dun pulo brutal a primaveira. (1960) De O tempo no espello (1982) [Image] PRIMEIRO CANTO I Era o clamor universal: gorxeaban os astros o seu canto, e o río imenso esfarrapaba a vaxina froital do mundo no ámbito do Cauca. Un deus sinxelo apacentaba os aerolitos ao pé das criaturas inocentes -branco corazón de guanábana-. (Aínda o ferro non coñecía a súa paixón máis terríbel, e no taller escuro do espanto un garañón a gargallada aberta artellaba a morte total dos séculos -doce territorio da vida-.) II Vén na doce cantiga da torcaza todo o amor a me subir na illarga: e bico os dous peitiños de María como poidera un temporal, acaso, bicar a flor. Cómo ergo o meu estandarte de brétema -a memoria é un can tan triste, tan triste-. Cómo ergo, digo, o meu estandarte de sol e nos outeiros brúa o meu corazón, o meu corazón que un día afiaron afervoadamente pola beira do mar. E en Guacarí bebe-se o sal do mango biche en Guacarí. Pero de súpeto o paxaro prismacolor ouvea como unha torre solitaria e quixera estender o sangue ao vento nas caneiras do Cauca. III Necesito tanta fermosura coma un día calquera en Popaián -pero xa ninguén ceiba os poldros a voar como antigamente-. E vou derramando a miña arxila, o vello barro occidental na agra aberta de Palmira no límite do tempo. Ai como amo a Tuluá onde os cóndores esfollaron un día margaridas. E amo o sancocho, miña nai, e amo os trapiches coa ternura elemental do tigre. IV Non hai regreso, avoa, nunca regresa o mesmo home ao mesmo sitio. O lobo do deserto perdeu a túa voz, e a auga clara da túa man non apaga a saudade revertida. Todos os rumbos, todos os navíos levan-me ao grande río a renacer: No ámbito do Cauca. De Cantos caucanos (1985) [Image] CHACHAHUÍ Ter unha casa en Chachahuí sobre do cume do Cúndur-Cúndur que os incas bautizaron polas grandes aves míticas. Ter unha casa en Chachahuí e ver no fondo do precipício o Putumaio brincar como un regueiro pequeniño. Ter unha casa en Chachahuí e escoitar á noitiña o zunido dos vagalumes, dos cocuios, o canto do turpial e o míar estremecedor do puma negro. Ter unha casa en Chachahuí, esquecerse do tempo, estar ao pé dun deus antigo amigo do sol. Ter unha casa en Chachahuí. Abaixo, no camiño de Ipiales, na estrada do Ecuador, brillan as flores ventureiras. Pero as estrelas son máis grandes. Ter unha casa en Chachahuí. De Cantos caucanos (1985) [Image] OS ARRIEIROS DE ANTIOQUIA FUNDAN A CIDADE NORTEÑA DE CAICEDÓNIA E PERFUMA-SE TODO O VAL DO CAUCA COS PRIMEIROS AROMAS DO CAFÉ I Aínda soa o machado e o estrondo das grandes árbores ao cair: o guiacán, o ceibo -ese castelo vexetal no vento- o samán de cen ponlas. A araucária. O acaxú. Aínda soa o estrondo nos outeiros do norte. O berce da cidade levanta-se do bosque primixénio -o ar garda ese arrecendo, o aroma da madeira fresquísima-. Todos os corazóns nun pulo amasan o adobe, ferven o cal no mesmo sentimento; e a cantiga dos rudes montañeses arrebenta desde o fondo do mato. Un hino no estrépito do día. Dos camiños de Armenia, do Quindío, chega o chiar dos carros, o bufar dos machos carregados, o apeiraxe. E queda esa luz do día como un istante único no que as mans e o cántico comenzan a tarefa. No frescor das mesetas, nos cómaros anovados a eixada fende a terra orixinal e o verdor feble do cafeto campea airosamente entre o ouro do platanar e a coroa apaixonada do ananá. O boi, pausadamente, move a roda do muíño de azucre: todo xira armoniosamente no infindo -esa pequena dimensión da vida-. II Aínda soa o machado e o estrondo das grandes árbores na madrugada, cando entras na cidade e un gañán ergueito no cabalo pide esmola estendendo ceremoniosamente o seu chapeu de palma: escombros da soberbia doutro tempo. De Cantos caucanos (1985) [Image] CRÓNICA DE BERNALDO FROS I «Quand'eu soby nas torres sobre lo mar»: a nave branca, a nave onde o meu corazón soía cantar... Deixaramos o porto de Os o país etéreo onde Ulises Fingal tecera un soño de fragatas errantes, de afogados nídios no seu clamor como coitelos relocindo na noite. Deixaramos o porto de Os. A alta proa collía rumbo ás illas. Aínda o viño era dóce nos beizos, e o pavillón do amor ía encravado na metade do peito. Cara o leste a luz do mar reverdecía os anos. Cara o leste adentrámo-nos no infinido do mar. ¡O navío no vento era tan leve! A terça noite era de mar brunida, cantaban as madréporas, cantaban e un xílgaro invisíbel bramía no bauprés. (A sirea peitea os seus gadellos irtos e a súa caveira centilea como un sartego de xade, magnífica de terror.) O tripulante insone vai no leme e non fai sombra o seu corpo de acrílico amarelo: A noite fora un túnel no límite da estrela. Saíramos do porto de Os... O navío sulcaba branco, branco: o seu apavorado resplendor era irreal no tempo. As altas illas pasaban entre a néboa. Pedra escura. E a ave antropomorfa -a imensa ave- apousentábase no mastro, os seus ollos tradeaban a negrura total e o seu alento arrofiaba os micro-circuitos da memória. Un anxo alucinado ía guiando a nosa singladura. ¡Cómo era leve no vento a nosa nave! De Cantos caucanos (1985) [Image] Na outra banda do mar construen o navio: o martelar dos calafates resoa na mañá, e non saben que están a construir a torre de cristal da miña infáncia. Non saben que cada peza, cada caderna maxistral é unha peza do meu ser. Non saben que no interior da quilla está a médula mesma da miña espiña dorsal; que no galipote a quencer está o perfume máxico da vida. Que cando no remate ergan a vela, e a enxárcia tremole vagarosamente no ar será o meu corazón quen sinta o vento, será o meu corazón. De As torres no ar (1989) [Image] A ESPADA FLORESCIDA O sangue antigo que correu nos mares verque a sua inocéncia na palavra: Floresce a espada converte-se o aceiro en voza aberta no confín e no mato. A sementeira colonial dá agora ese froito de luz nun lábio imenso, e din beixo e amor na nosa fala devolvendo en carícia tanto ferro. Entón eu digo Guanabara e sinto un arrecendo de xasmin silvestre unha auga fresca que me encelma a língua; e digo Moçambique ou Timor-Leste e unha pel doce que me sabe a nébodas escuras e lonxanas vai-me invadindo o paladar. A verba rompe o barro de Buño e derrama no mar esa ambrosia que alguén recolle en cántaros de xade. De As torres no ar (1989) [Image] Anxo da noite, cazador no escuro que vés flamíxero a me expulsar do souto: o varal está listo, a andália posta, o corazón afeito ao longo exílio. O mundo que eu criei foi só de sombras, soños foron os froitos, as vendimas, só o amor brillou, brillou acaso tamén o lar da pátria sempre aceso que me mantén o sangue enaltecido. Mais a palavra, si, foi sempre viva, foi espada e arado e cotovía, lanza de señardá, ai meu amigo, derrota e singradura. O artifício é o que me leva agora a este desterro: quero volver á simples moradia que un dia fixen no dintel do vento, á terra de labor, xa feito cinza para pular na saiva, e ter de novo os paxaros na man... Ese outro tempo! De Última fuxida a Harar (1992)