[Image] | Textos | Crítica | Debates | Informes | Cantigas de Amigo | [Image] FENTOS NO MAR de Xabier Rodríguez Baixeras Texto crítico sobre a obra de Xabier Rodríguez Baixeras MAL CHEGA A VOZ Mal chega a voz por entre o incenso remoto do que fun, ben pouco sinto fumegar esa música, o extinto corpo da néboa naquel mar inmenso. E aínda que unha mao, un vento denso, achegan o perdume do xacinto, dos magnolios, eu sei que era distinto o mar, e foxe a mao; e mesmo penso que xa nunca verei desatracar, virar até romper esa agua verde, esperar o fervor, o barbullido. Apenas unhas praias a medrar e un sabor de salitre que se perde naquel sorber, no cabo consumido. UNHA PALMEIRA DE RIBADEO Palmeira esfarrapada e sempre viva de afeita a nós, de estar neste xemido onde afoga confuso o esvaído toque da hora que algún vento esquiva, e no que logo es, inverno arriba, máis unha noite, como o sul dorido, por fin afeito e sempre repetido, e tan ferido como máis cativa. Non te vimos crecer. E nen sabemos quén te puxo, meniña á nosa porta, atordoada, trémula de inzar sombras, tristezas nas que xa non cremos, cando só chegas ti daquela morta rúa, abalando, lonxe do teu mar. PROCUREI NOUTRO MAR Andei penedos, covas dolorosas, abrín fendas na face do acuario; procurei noutro mar, no solitario regreso das areas espiñosas. Pisei sombras, gritos; carpín nas pozas. Praias sen nome. Fun sobre un osario de pedras a renxer, mudo emisario, nun mar infiel, das horas luminosas que nos días mergullan para aquelas ondas crespas ou lenes, para o lombo do baixío que emerxe na enseada ao pór do sol, cinxido polas velas, onde ficou a escuma que aínda arrombo beira de min, tecida, amarelada. O FROITO Na noite, desde o fondo do pasado, unha árbore que xeme, vén, ascende, sacode as pólas. Súbito, nos prende alguén que chama dun luar varado. Dalgún luar, do barrio maniatado, até o balcón que, como entón, recende ás mesmas sombras árdigas e ascende outras máis preto, rotas polo brado. Anos despois, na tebra que disolve palabras, unha hora, vén un vento no daquel mar, un vento non de serra que a árbore enlouquece e que revolve, sacode as pólas: vén como o lamento do froito arrebolado contra a terra. O TEU RISO FOI FERIDO na morte de Tereixa Non tei escoitan, non dicen terte ouvido. Nada podes saber; ninguén te mira. O cansazo deixaches na mentira do teu riso -non viamos- ferido. Quen puidera buscarte no xemido do teu riso, en canto non expira, en canto a dor no teu ollar respira, agachada no fondo, e el vencido. Quixéramos buscarte para que nos chamases, para encontrarte enteira onde outras crecen libres de morte, de terra adolescente, como se fora soño partir e regresases de ti, de nós, das tardes en que vibres igual que entón, aínda transparente. COMO UN RÍO El non nos ve. Con este vento frío, case outonal, despido, xa de aromas, chegan as horas rotas, o vacío. En non nos ve. E, súbito, ti agromas, acordas no seu sono; alí te asomas grande e dispersa, lume e desvarío, fondo alento dun memdo onde nos tomas. El non nos ve. O sono é como un río. Como un río de tempo sen idades, un lento decorrer de soedades, un ceo andando para calquera día. Como un neno tal vez. Mais estas horas soben rotas das augas, e ti choras. El non nos ve. O rostro se esvacía. VIÑAN NO SETEMBRO Viñan do monte ao mar cando o verao fuxía, a praias da mariña ou das ribeiras baixas. Moi preto das barracas, na beira dos piñeiros que dan mesmo na estrada, contemplaban bañistas. Viñan rapaces, vellos e mulleres solteiras, malladas, da parroquia. Viñan polo setembro. Ían por esas vilas máis abertas da costa, por eses bares que, diante do mar, van medrando na vida, por xente mariñeira que, ao falar, asobía, risoña e pracenteira para os ollos pasmados. Ían de dous en dous, facendo longa fila, ensumidos, ben trabadas as maos. Ían calados. HABÍA COMO UN VENTO Había como un vento, noite núa polas costas precípites e quietas; había como un vento en Figueirúa, e como pan mollada nas valetas. Vento que viña das fileiras pretas, bandeiras negras de mirada crúa; o sangue tiña cores inconcretas, xogos de nenos, orfos e sen lúa. Vento de sangue, cantos de vitoria, abafaban o pan naquel incenso - o pan perdido, roto da memoria. Mais no fondo da noite aniña o senso, a razón dunha terra frente á historia, dun mar que bate cada vez máis denso. OLLOS DE PORTUGAL Aquí abaixo medimos os abismos, mais coa voz, con voz aínda xigante. Pasan os ollos negros cismando, indiferentes atravesan os muros. Bate o mar. Aquí abaixo: unha pomba perdida entre os bacelos, chiando entre os piñeiros, batendo contra o mar, ouveando para nós. E lembramos que alguén derruba cómaros, muros e musgos, casas verde-azuis, que alguén deova os fentos derradeiros, que somos como cousas, as árbores mirradas do outono a devalar. Lembramos, e aquí abaixo medimos os abismos dos ollos que transcorren para os muros indiferentes, duros ollos onde quixen vivir. COIMBRA É UMA MULHER (popular) Talvez essa mulher de lábios secos que acertaste a mirar furando a treva, essa mulher que, ao contemplá-la, eleva os olhos pretos para o ceu dos becos, acaso uma mulher longe de nós, sem livros, sem bonecos, e sem desejos, num lugar qualquer. CHEGANDO A LISBOA ¿En que mirada o sentes palpitar? Na tarde voas, vibras sobre o Tejo. Das casas miúdas vén como un bafexo. ¿Ou de onde vén? Avistas lonxe o mar. Un verde que camiña anda a estrear lume novo na terra do desexo, na terra do refuxio, Ribatejo dos ollos duros, sempre de vagar. Estrea un nacemento, un resplandor, o arrabaldo que abaixo se adiviña, rompendo as hortas contra o desamparo. Silencio. Nunca virá o clamor a esta terra que cala dor de espiña mal arrancada, noite frente a faro. MINHO Vou despedir a infancia por estradas que nunca vin, cando o verao comece. Mais sempre, se puder, sen me afastar dos prados, dos piñeiros, seguirei o bulicio do millo recén nado. E esquecerei o que deixei por rúas, por esquinas de vento - a miña vila-, o que deixei por praias que apagaron. Quero acabar en viñas cando vertan flores os muros brancos; cando o verao comece nas horas, nos bulbos dos campanarios. ALIMARIAS Terra inzada de cobras. Sobre as sebes máis puras un can de espuma irrompe esmagador. A norte e sul o lume que prenderon curuxas, e, lambendo penedos silenciosos, un mar a quen desangran as fanecas-malinas. Bandullos dalgúns bois, cabalos sen estepas escaldaron os prados; sobre as viñas pairan corvos, espreitan. Eis me no outono frente ás alimarias, sonámbulo e cobarde, e tamén destruído, espellado nas túas lágrimas paradas. PAUSA PARA LEMBRAR DEIÁ (MALLORCA) Marjades. Terra clara onde a sombra se limita. Tan puro como a beira destes froitos, como o cheiro que atinxe erguer os ollos até a néboa -se hai néboa- prendida polos cumes, alí se transparenta un resplandor, quéimase a luz, espreita; e abaixo os días enchen os verdes sempre vivos, palpitantes, e en frente vense os corpos. Quen puidera exprimir como nos xestos, cómo conviven con laranxas novas, oliveiras, de quen se dixo todo, e como as arredadas, en canto remontamos, son ventres máis feroces, e son tenras; e como todo ferve na lentura dos froitos pensativos, que é rodicio dos anos ou que raia nos soños do estranxeiro, no camposanto, enriba.