[Image] [Image] A literatura na era cibernética: unha reflexión socio-cultural por Manuel Forcadela [Image] Queremos, en primeiro lugar, trasladarlles unha apreciación, se cadra compartida por moitos analistas e estudiosos do fenómeno da comunicación: o que está a acontecer é unha revolución de tal calibre que se nos tivesemos que remontar na historia a un período de semellantes dimensións, no que atinxe á transformación das condicións de vida da humanidade, encontraríamonos coa falta absoluta de antecedentes. Nin sequera un periodo de tantas mutacións como o neolítico, desde logo moitísimo máis delongado no tempo, podería ofrecernos elementos equiparables. Non se trata, desde logo, de deitar as campás ao voo, proclamando a boa nova, como se dunha América descuberta se tratase, aínda que o que hoxe mesmo poden ver os nosos ollos tería sido considerado, hai só uns poucos anos, como unha febril ensoñación futurista. Pero, en definitiva, cábelle ao escritor, en tanto que home de comunicación, afrontar a análise das novas perspectivas e, xa que logo, prepararse para os novos tempos que han ser, que son xa, con toda certeza, tan distintos en canto á producción e transmisión da literatura e os seus discursos adxacentes que mesmo algúns dos seus vehículos tradicionais poden dalgún xeito verse afectados. Déixennos, sen embargo, comunicarlles que non vimos aquí a proclamar a morte do escritor nin a do libro nin moito menos a do lector, tal e como algunhas voces, acaso algo enfebrecidas, parecen estar a insinuar desde distintas perspectivas, vaticinando un futuro de usuarios de computadoras conectadas a redes, voraces navegantes por un mar de información infinita, desorientados polos cantos de miles de sereas, descubridores, finalmente, dunhas poucas reportaxes inconexas, como de feito lle acontece, hoxe mesmo, aínda que non sempre, aos varios millóns de usuarios da Internet que existen no mundo. Acaso hoxe máis que nunca o ámbito que rodea a creación, producción e distribución de libros debería facerse eco das palabras de Camoens cando advertía: Mudam-se os tempos, mudam-se as vontades, Muda-se o ser, muda-se a confiança; Todo o mundo é composto de mudança Tomando sempre novas qualidades. Mais cabe argumentar igualmente que o libro, e con el o escritor, gañará en consideración, mesmo recuperando moitos dos significados que lle conferiron ao longo dos tempos un estatus de obxecto máxico, tecido el mesmo de materiais reais e urdime doutras materias abstractas, resultado dun longo proceso que vén desde a noite dos tempos, desde as táboas e os tixolos da escrita cuneiforme, pasando polos copistas medievais e por Guttemberg, ata chegarmos aos modernos sistemas de autoedición que, a través tamén da cibernética, permiten que calquera poida editar as súas propias obras, sempre, claro está, dentro da modestia dunha artesanía caseira mellor ou peor feita. Mais non é o noso papel, creo, oficiarmos de profetas e aventurarnos a deitar propostas e argumentos que o veloz avance das técnicas poida pór en entredito no breve espacio duns poucos anos. Limitarémonos, por tanto, a presentar o estado actual da cuestión, facendo especial fincapé nas previsibles consecuencias socio-culturais que se poidan ir derivando, partindo, iso si, da firme convicción, que esperamos sermos quen de contaxiar aos que nos escoiten, de que o futuro nos obriga a ser basicamente optimistas. Antes de máis, e como queira que o noso auditorio está composto, fundamentalmente, por homes e mulleres de letras, quixeramos falar dun feito, ao noso ver, de importancia capital para afrontarmos o problema e podermos sinalar finalmente a necesidade dunha mudanza de actitude. Desde a mesma irrupción do romantismo, a finais do século XVIII, o mundo do coñecemento escindiuse en dúas parcelas perfectamente delimitadas: letras e ciencias. Esta ruptura, sen dúbida máis real que tópica, na que se acostuma a citar a Goethe como o último dos homes ilustrados capaz de conxeniar adecuadamente coñecementos profundos en ambas as dúas esferas, trouxo consigo varios síntomas: fundamentalmente a reticencia das xentes de letras frente aos avances tecnolóxicos. Non foi esta, desde logo, unha actitude homoxénea, e poderíamos sinalar, tanto no pasado como no presente, autores de grande relevancia que se viron contaxiados pola febre das novas técnicas. Desde Marinetti, co seu manifesto futurista, proclamando a apertura dunha nova arte, traspasada pola técnica, seguindo cos ulteriores vangardistas de toda índole, o proceso de creación literaria foi entrevisto como un rito en continua mudanza, unha cerimonia que encontrou sempre un molde novidoso nas sucesivas propostas: o cadáver exquisito, a escrita automática, a xeración de textos aleatorios, a errata como intervención directa do azar que sempre melloraba os textos. Frente a esta actitude moderna, modernista, permaneceu unha disposición esquiva, reacia a deixarse sorprender polo que algúns consideraron inxenuos xogos. Unha vez máis, racionalismo e irracionalismo, inspiración e técnica, deixaron sentir a súa influencia sobre as artes establecendo unha complexa madeixa de interferencias. Así, automóbil, máquinas, inventos de todo tipo, televisión, radio, computadoras, recentemente Internet, foron contemplados por unha grande maioría dos nosos colegas como enxeños diabólicos que viñan quebrar unha harmonía en grande medida edénica na que o papel do escritor, en concreto, e do home de letras, en xeral, dispuña dun deseño social e de actividades perfectamente delimitado. O espírito lánguido e preguiceiro do soñador puro víase alterado pola presencia de innovacions tecnolóxicas que case nunca comprendía e que, inicialmente, provocaban a súa reticencia, aínda sendo capaces, logo, nalgúns casos, de congregar todo o seu entusiasmo. E a semente do rexeitamento xerou a flor da queixa. Acaso unha das lamentacións mais estendidas ao longo deste século, e que vai camiño de incrementarse no vindeiro, sexa, sen dúbida, a de que xa non se le. Primeiro, a culpa de que xa non se lese tíñaa o cinema; tamén a radio; despois a television; agora comezan a tela as computadoras. Pero, sobre todos nós parece pairar, tal espada de Damocles, a sospeita de que cada vez se le menos e, en consecuencia, publicarase menos e, finalmente, será preciso escribir menos. Sobre o fondo paira unha contraposición, que poderíamos seguir ao longo da historia da filosofía, entre o que chamaríamos positivismo e irracionalismo ou, mellor, romantismo, por ser este un concepto que acaso se adapte mellor ao que queremos salientar, tendo o seu centro de debate na oposición entre Ars e Ingenium, da que logo falaremos, ou, se se prefire, entre Inspiración e Traballo. O problema da natureza do xenio e da xenialidade ten sido tratado en filosofía especialmente dentro da estética e da filosofía da arte. O interese pola cuestion do xenio despertouse no Século XVIII. Foi frecuente nos autores deste século referirse ao respecto a Platón e a Aristóteles. A teoría platónica do xenio exprésase na doutrina da inspiración como loucura divina (en Fedro). A teoría aristotélica exprésase na doutrina da capacidade inventiva, pero non necesariamente irracional ou louca, do creador artístico. Cremos que esta é a orixe dun debate que hoxe pasa pola maneira en que as máquinas son capaces, cada vez con maior habelencia, de intervir no proceso creativo. Os autores referidos apoiáronse ás veces en Platón e ás veces en Aristóteles, pero isto non significa que as súas ideas sobre a noción do xenio fosen simple continuación das doutrinas antigas sobre a inspiración poética. Importante na evolución das ideas sobre o problema foi o escrito de Alexander Gerard, An Essay on Genius de 1774. Gerard estimaba que o xenio é equivalente a orixinalidade; non é, pois, a imitación, por talentosa que sexa, dun modelo, senón a producción dun modelo, idea esta que retomaremos no remate das nosas palabras, toda vez que dela poida derivarse unhas das posibles solucións ao problema de definición que, en breve, vai ter que afrontar a literatura. Na Crítica do Xuízo, Kant desenvolveu unha idea semellante: o xenio é a disposición mental innata (ingenium) mediante a cal a Natureza dá a regra da arte. O xenio non é, pois, simplemente o talento ou o enxeño, por grandes que sexan estes; posúe unha cualidade propia que ningún talento ou enxeño posúe: a de producir regras. O xenio non precisa, así, someterse a regras, xa que as produce, mais non debe confundirse esta liberdade do xenio coa mera arbitrariedade; as regras producidas polo xenio non son derivables de outros modelos, pero son regras. A maior parte dos autores despois de Kant baseáronse dalgún xeito neste; así acontece, por exemplo, con Schopenhauer. Pero Schopenhauer especificou a noción de xenio en relación coa súa propia metafísica; o xenio é para este autor o que é capaz de ver a idea no fenómeno. Non poucos autores idealistas extremaron a concepción do xenio como orixinalidade e, á vez, paradoxicamente, fixeron do xenio o capaz da revelación do Absoluto, o que, por así dicilo, está xa dado. Esta é a chamada concepción romántica do xenio, que é, á súa vez, o que crea a obra de arte e posúe a intuición do Absoluto; en rigor, o xenio é presentado como a encarnación do Absoluto. Por isto afirmábase a soidade, a infelicidade, a melancolía do xenio, así como a súa inconmensurabilidade (tanto social como ética) respecto aos demais seres humanos. Dirá Eduardo Pondal: o xenio é ser estraño e vagabundo e do alto obtén as súa soberbas galas trae saudades dun ignoto mundo agarimadas nas xigantes alas Nunha tese resoante, Cesare Lombroso, sostivo a íntima relación do xenio coa loucura (Genio e Follia, 1864): a chamada teoría patolóxica do xenio. Pero o xenio parece posuír tamén, segundo Lombroso, caracteres de dexeneración (Genio e Degenerazione, 1897). Cando as máquinas e as industrias aparezan e os traballos de manufactura dean paso aos complexos procesos fabrís, sobre todo a partir da mudanza de centuria, no escritor, vinculado secularmente a esta concepción do xenio, aparecerá a ameaza do desarraigo. Acaso o filósofo que máis reaccione contra ese desarraigo sexa Martín Heidegger, sobre quen voltaremos no remate desta nosa intervención, cando produza algúns dos signos claves da súa filosofía. A saber: o camiño forestal, a ollada clara do paisano, a devastación da Terra, o arraigo no lugar natural, a eclosión da rosa. Nin que dicir ten que esta atmosfera de crecente desarraigo ten como contrapartida a nostalxia. Unha nostalxia que, como todas as saudades, resulta certamente reaccionaria. Está claro que a figura social moderna do intelectual e das xentes de letras é unha creación da Revolución Francesa. En realidade, o prototipo inconsciente que a maior parte de nós temos do escritor, non deixa de estar en moi grande medida vinculado coa imaxe que se forma arredor desa época e que pervive, sen alteracións, durante todo o século XIX e o que levamos do XX. Neste sentido cabe dicir que un dos maiores atrancos do escritor moderno brota do arcaico da imaxe que quere para si. Unha néboa de vago idealismo romántico segue a embriagarnos e aínda falamos de inspiración, de sentimento, de xenio, dunha forma que en todo se equipara á que podemos encontrar nos textos de hai máis de cen anos. Curiosamente, as innovacións tecnolóxicas aínda non conseguiron desfacer ese mito, esa sombra cultural que nos persegue e que encontraría un dos seus mellores espellos na figura do noso bardo Eduardo Pondal: o heroe titánico da experiencia interior sumido nos bosques embravecidos das costas salvaxes á procura do contacto directo coa natureza. Arqueoloxismo absoluto, regreso á pre-historia, repudio frontal da industria e das máquinas. A Idade de Pedra como tempo idílico, como harmonioso estadio inicial. Edípica procura, no fondo, dunha terra sentida como maternal, como uterina, e o poeta cantando e regodeándose na suposta incapacidade para ser quen de afastar esa nostalxia. Ese sería o pólo contrario, o que establece a actual dialéctica entre tradición e progreso. E é que, xustamente, tal e como podemos rastrexar na obra de Rosalía de Castro, por citar un primeiro exemplo, os avances da modernidade crean os síntomas da erradicación, da extracción e separación do camiño natural e os síntomas culturais derivados desa experiencia. Luz e progeso en todas partes pero as dudas nos corazóns e bágoas que un non sabe por que existen e dores que un non sabe por que son. A luz e o progreso non dan ocultado unhas bágoas, unhas dores, unhas dúbidas que asaltan os corazóns e que se opoñen a eles. Outro dos nosos grandes poetas do dezanove, Manuel Curros Enríquez, fascínase, sen embargo, ante a potencia da creación humana e saúda triunfalmente a chegada do primeiro tren a Ourense e chámalle, con toda a irreverencia do seu anticlericalismo, Nosa Señora de ferro e o Cristo dos modernos tempos: Velaí vén, velaí vén, tan hopada, tan milagrosiña, con paso tan meigo que parece unha Nosa Señora, unha Nosa Señora de ferro. Tras dela non veñen abades nin cregos: mais vén a fartura a luz e o progreso.(…) Bon samaritano, dalle auga ao sedento; que a máquina é o Cristo dos tempos modernos. Agora a luz e o progreso opóñense aos abades e aos cregos, o tren convértese no símbolo do liberalismo, no inimigo do Antigo Réxime, do caciquismo, e traen consigo, por suposto, a fartura, a solución aos males endémicos da economía de Galicia. Pois ben, cremos que, hoxe máis ca nunca, son perceptibles estas dúas actitudes. Por unha banda, a perplexidade producto da complexidade da técnica, inasequible para moitos de nós, e que trae consigo, senón o rexeitamente explícito, si, cando menos, un sentimento de vaga desaprobación, de negativa a modernizármonos. Por outra, a fascinación, as máis das veces igualmente inxenua, producto se cadra do mito cibernético, un mito que mesmo se traslada como tema á literatura e ao cinema producindo enxendros de dubidosa credibilidade científica. A reacción dos literatos ante os avances da técnica, ante as modificacións da forma que a cultura emprega para espallarse, ten como resultado a xeracion dun mito ou, se se prefire, dun tema: o que poderíamos chamar A Morte De. Desde a morte da arte, á morte da novela, a morte do lector, a morte do cine, a morte da música, a morte do libro. Parece como se, de súpeto, todo aquilo que consideramos máis amable, os baluartes da nosa concepción da cultura, os soportes a través dos cales chega a nós, fosen ameazados, desafiados e postos en perigo por mor dunha complexa tecnoloxía que, ademais, chega desde Norte-América, revestida cos pecaminosos atavíos do imperialismo e o liberalismo económico. Pero a verdade é que, pola contra, se podería argumentar que nunca antes se produciu nin se reflexionou tanto sobre a arte. En ningún outro momento a humanidade tivo máis lectores dos que hai hoxe. Nunca se escribiron tantas novelas, nunca se filmaron tantas películas, nunca houbo un acceso tan maioritario á cultura. Somos, en moi grande medida, herdeiros dunha tradición nostálxica e, mesmo, reaccionaria e rexeitamos, dun xeito reflexo, calquera modificación que nos afaste dese modelo anticuado, obsoleto e, mal que nos pese, irrepetible dos nosos avós na escrita. No epílogo a Farenheit 451 de Ray Bradbury relátase a seguinte anécdota: Hai uns corenta e dous anos, ano máis, ano menos, un escritor amigo meu e mais eu, íamos paseando e charlando por Whilshire, Los Ángeles, cando un automóbil da policía se detivo e un axente saiu a preguntarnos que estábamos a facer: - Poñendo un pé diante do outro - contesteille. Esa non era a resposta adecuada. O policía repetiu a pregunta. Engreído, respostei: - Respirando, falando, conversando, paseando. O oficial puxo cara airada. Expliqueime. - Non ten sentido que nos deteña. Se quixésemos asaltar a alguén ou roubar nunha tenda, viríamos en coche ata aquí, asaltaríamos ou roubaríamos, e marcharíamos en coche. Como vostede pode ver, non temos coche. Só os nosos pés. -¿Paseando, eh? - dixo o oficial-. ¿Só paseando? Asentín e esperei a que a evidente verdade lle coubese finalmente na cabeza. - Ben - dixo o oficial-. ¡Pero que non se repita! Pois ben. Cando un fala cun literato sobre cuestións vinculadas coas modernas técnicas ten a miúdo a impresión de se encontrar perante o oficial de policía do relato de Bradbury. - ¿Que andas a facer? - pregunta o literato. - Pois a verdade é que pouca cousa. Navegar pola Internet e un programa que serve para xerar poemas aleatorios. - ¡Ben! - parece respostar o interlocutor, con ollada incrédula e mesmo desconfiada -. ¡Pero que non se repita! E, sen embargo, repítese. Eppur si muove. Recordo agora que nunha ocasión un amigo esoterista fíxome unha longa disertación sobre as capacidades mediúmnicas que tiña adquirido co emprego do tarot. Despois de analizarmos pormenorizadamente os significados dos arcanos maiores e menores pasamos ás distintas maneiras en que se poden deitar as cartas sobre o tapete e o valor que as figuras reciben en cada posición. De aí seguimos á maneira en que se deben barallar as cartas e concluímos, finalmente, falando sobre a función do azar que sería, en definitiva, o elemento fundamentador de toda a predicción. No remate da conversa eu mencionei que posuía un tarot para ordenador e que con só presionar un botón as miñas consultas eran sistematicamente avaliadas e respostadas. Tamén mencionei o feito de que, no breve prazo de un minuto, eu podía recibir entre vinte e trinta respostas, dependendo da miña celeridade no manexo do rato, completamente distintas para unha mesma consulta. O azar, filtrado agora a través do reloxo da unidade central da miña computadora, variaba, e varía, en cada milésima de segundo. Finalmente, eu optaba por facerme cargo da mellor das previsións ofrecidas. E, no caso de que non quedase convenientemente satisfeito, voltaba a realizar a operación ata cerciorarme de que o meu futuro era, sen dúbida, refulxente, luminoso e espléndido. Tiña resolto o problema da superstición, tan endémica nos nosos días tanto en Galicia como no resto do mundo. Non hai día en que teña que quedar na casa por medo a que me caia unha maceta; non sufro por antecipado as posibles desgracias dos meus achegados e, desde logo, nunca chego á conclusión de que mañá non vai ser un marabilloso día de sol. Como queira que o meu amigo ficou un tanto abraiado, comenteille a posibilidade de montar un negocio consistente en atender chamadas telefónicas e recitar os vaticinios que fosen aparecendo na pantalla. Creo que aínda hoxe o está a pensar. En calquera caso, explicoume, os manuais de tarot cóidanse moito de recomendar que o xogo de cartas sexa moi persoal e tratado con verdadeira reverencia polo vaticinador. Ao que eu opuxen que, desde logo, o meu xogo de cartas electrónico leva moitos anos comigo e eu encárgome periodicamente de escanealo e de certificar que non foi víctima de ningún virus. Así que, francamente, non vexo a diferencia. Esta breve anécdota serviría para ilustrar de que maneira os procesos azarosos que conducen á creación dun texto, desde logo nunha clave moito máis persoal cá que nos poida ofrecer o tarot, sitúan ao escritor na posición do vaticinante (e non esquezamos tampouco a palabra vate, de uso tan extendido entre os poetas). O vínculo fisioloxico entre a saúde, o pulmón, a palabra, o rego cerebral, a axilidade e cantidade das neuronas e o resto de condicionantes que se queiran engadir e a creación literaria non pode, evidentemente, ser obviado. Pero o misticismo anti-cibernético de moitos escritores non deixa, por outra banda, de producirme un certo sarcasmo. A renuncia á supermáquina de escribir e de comunicar en que se pode converter calquera ordenador, coa simple engádega das ferramentas precisas, é, desde logo, unha opción lexítima pero non deixa de ser, ben pensado, unha muralla máis do baluarte de defensa dunha concepción do escritor herdada de tempos ben distintos dos actuais; unha negativa a reflexionar sobre o rumbo dos tempos; un ancorarse irreflexivamente nunha concepción da literatura que, se a analizarmos historicamente, resultaría ser de antes de onte, toda vez que iso tan sagrado que chamamos Literatura (con maiúsculas) non deixa de ser un producto epocal máis que se desenvolve a partir de finais do XVII. Algo semellante debeulles ocorrer aos primeiros escritores que deixaron de empregar ao papiro para usaren páxinas de papel; aos que abandonaron a pruma e o tinteiro e se fixeron cargo dos primeiros bolígrafos; aos que deixaron os bolígrafos e empregaron as primeiras máquinas de escribir. ¿Que dixeron os últimos copistas cando apareceu a imprensa? A mudanza que se está a producir, agora mesmo, é, sen embargo, moito máis radical. Tan radical que nin sequera o paso desde a táboa ou o tixolo á máquina de escribir podería servir para establecer unha comparación. E éo porque agora a mudanza xa non se axusta unicamente ás pautas de creación e confección dun texto, senón tamén ás da súa publicación e transmisión. Supoño que, a estas alturas, moitos de vostedes estarán a pensar que o seguinte paso da miña intervención será venderlles algunha computadora. Pero non. Asegúrolles que non cobro comisión e, desde logo, prométolles que non vou repartir propaganda de ningunha marca comercial. ¿Que marca de computadora tiña Tolstoi? ¿Que sistema operativo usaba Flaubert? ¿Con que procesador de textos foi escrito o Ulysses de Joyce? Son preguntas todas elas que non deixan de causarnos hilaridade pero que, sen embargo, serán totalmente pertinentes dentro de moi poucos anos, cando os filólogos do futuro, dentro dunha nova variante da ecdótica, analicen calquera das obras que agora mesmo se están a crear. Pois, hoxe por hoxe, aínda que non sexan ferramentas comúns na maioría dos escritores, a cibernética ofrécenos trebellos dunha enorme sofisticación: indexadores, diccionarios de sinónimos, xeradores aleatorios de frases e de versos, constructores de concordancias, buscadores múltiples, comparadores de textos, correctores ortográficos e estilísticos, conxugadores de verbos, constructores de metáforas e figuras retóricas, e un longo etcétera, por falarmos unicamente dos programas destinados á manipulación de textos, e aos que poderíamos engadir os programas interactivos de creación de novelas que xa existen nestes momentos e aos que logo dedicaremos un pequeno espacio dentro da nosa disertación. Por poñerlles uns poucos exemplos, pódolles testumuñar que un Pentium 100 é quen de facer o índice de palabras da Biblia en menos de catro minutos. O mesmo procesador de textos co que eu escribín esta conferencia ofréceme cunha soa pulsación de tecla cento vinteseis sinónimos para a palabra texto. Sen necesidade de abrir ningún libro, de erguerme do asento e ir procurar o volume á estantería. Igualmente advírteme, no mesmo momento de escribila, que tal palabra non é correcta e que debe levar ou non levar acento. O diccionario en CD-ROM da Lingua Portuguesa de Porto Editora recolle máis de medio millón de palabras pesquisables, dúas centas vinte unha mil tres centas corenta e tres difinicións e oitenta e catro mil catro centas trinta e oito etimoloxías. Eu mesmo paso tardes enteiras encontrando relacións insólitas entre as palabras, facendo descubertas que precisarían de toda unha vida dedicada á lexicografía ou da lectura reiterada miles de veces dun mesmo diccionario. A Enciclopedia Británica en CD-ROM, sobre todo na súa segunda versión, ofrécenos no espacio mínimo dun único disco óptico a información amoreada en numerosos volumes de papel. Coa vantaxe engadida de que o o seu sistema de buscas é moitísimo máis sofisticado de xeito que, na versión electrónica, eu podo encontrar datos que dificilmente encontraría buscando na versión en papel. A información desbórbanos por completo. Durante o ano pasado a compañía IBM distribuiu unha foto na que as siglas da multinacional da informática aparecían trazadas, segundo rezaba no pé de foto, por medio da ordenación de átomos de helio. As tres letras aparecían construídas mercé a alineación dunha serie de esferas perfectas que, meticulosamente situadas, producían a ilusión de estaren deseñadas por un debuxante non moi imaxinativo. O singular do caso era que, curiosamente, as esferas eran en realidade dun tamaño infinitesimal e a imaxe unha superampliación dun universo minúsculo. Isto quere dicir que, en breve, enormes bibliotecas caberán, amoreadas dese xeito, na cabeza dun alfinete. E, igualmente, calquera das múltiplas memorias de doutoramento que se fixeron durante anos nas nosas facultades, do estilo de O léxico de resultan hoxe risibles para calquera que estea minimamente introducido no mundo da informática. Pois de feito, un estudio lexicográfico exhaustivo dunha determinada obra pode facerse, dispondo das ferramentas adecuadas, en cuestión de escasos minutos. O ímprobo traballo do filólogo que coleccionaba palabras durante meses, elaborando unha tras outra pequenas fichas cos datos encontrados, non voltará a realizarse nunca máis. Claro está que todos estes avances non deben facernos sentir medo ante o futuro do escritor. Antes ben, debemos ser conscientes de que con eles se abre unha nova época, unha era na que o oficio de escribir lonxe de ficar obsoleto, como por veces parecen suxerir determinadas voces pesimistas, acaso non coñecedoras como deberían do tema do que están a falar, encontrará unha nova vitalidade quedando máis ca nunca ao abeiro, ese si imposible de manipular electrónicamente, da personalidade, a sensibilidade, a imaxinación e o talento. E é que canto máis nos adentramos nos pormenores e facilidades que nos ofrecen os novos medios, e xa falaremos máis adiante de Internet, máis tendemos a convencernos, aínda que conservemos unha prudente prevención, de que os tristísimos cantos de cisne que a miúdo se nos ofrecen desde determinados medios de comunicación non só non son certos senón que atentan, consciente ou inconscientemente, contra a máis mínima seriedade. Deste xeito, creo que non cabe falar da morte do libro nin de ningún dos xéneros literarios que neste instante existen como formas de expresión das nosas colectividades. Ben certo é, e acabo de poñer varios exemplos, que acaso determinados formatos de grande empaque, como poidan ser os diccionarios, as enciclopedias, en xeral as obras de consulta, poden encontrar na súa versión electrónica maneiras moito máis eficaces de servir ao seu propósito como é o de fornecer de información ao comprador. Mais, desde logo, a mudanza dos novos tempos non fica restrinxida unicamente ao ámbito da cibernética e do desenvolvemento da computación e da intelixencia artifical, toda vez que todo isto acontece nunha sociedade que, igualmente, apresente outros moitos síntomas de cambio. Nunha recente entrevista, o celebrado crítico xudeu George Steiner afirmaba: Nas librarías de Inglaterra, o lapso que permanece calquera primeira novela nos expositores non vai máis alá dos dezasete días. ¿Que libro difícil e orixinal ten en tales condicións unha mínima oportunidade de chamar a atención? Neste supermercado de valores culturais, con esa brevidade de tempo de exposición, coas modas e as subrepticias técnicas de márketing, ¿teñen algunha posibilidade de sobrevivir os libros máis difíciles? ¿Poden ademais sobrevivir á transformación do soporte magnético, do CD-ROM, do novo mundo dos diversos accesos ao texto? Supoño que calquera texto de autoaxuda, de deporte ou de actualidade si pode sobrevivir sen problemas. As guías turísticas, as guías de museos téñeno mellor ca nunca. En troques, non estou moi convencido de que un Proust, un Musil, un Broch ou un Faulkner teñan demasiadas opcións para pervivir. E isto preocúpame. ¡É a abolición do tempo indispensable! ¿A que se debe que vostede, nin eu, nin ninguén teña xa tempo para ler, a pesar dos teléfonos, os faxes e o correo electrónico? Estamos escasísimos de tempo real, pero o que máis nos falta é ese espacio interior que a xente sen complicacións si tiña hai algún tempo. É evidente que Steiner introduce un tema paralelo ao que estamos a tratar pero que, sen dúbida, non pode separarse do proceso de mundialización da información á que nos conducen inexorablemente as computadoras. Trátase da saturación de información. Na mesma liña, aínda que introducindo novas variantes, parece ubicarse Lothar Baier cando afirma: En Estados Unidos, onde o desenvolvemento deste hemisferio se presenta habitualmente no seu aspecto máis avanzado, é onde máis parece progresar o proceso civilizatorio que ameaza con transformar a literatura nunha mercaduría cada vez máis marxinal, ou mesmo con privala completamente da súa capacidade de ser mercaduría. O negocio estadounidense do best-seller, que baixo a presión de moitos millóns de dólares investidos cuspe os productos que con forma estandarizada respostan ao capital investido, pon de manifesto que todo o demais que se escriba xa non ten valor cotizable. […] A literatura estadounidense actual procede na súa maioría de institucións similares a reservas nas que se suspenden as leis do mercado: os departamentos de literatura e as editoriais non comerciais dunha serie de universidades ricas. François Ricard chama a atención sobre o feito de que a literatura producida no campus non só está ameazada pola uniformidade, senón que tamén padece a influencia deformante das disciplinas universitarias veciñas. A literatura aspira a converterse nunha especie de disciplina teorizable para gañarse o recoñecemento das ciencias humanas, moito mellor lexitimadas. Deste xeito, prodúcese un efecto de retroalimentación entre escrita e teoría que deixa como un coador á literatura e a discursión sobre ela co tiroteo de todos os deconstructivismos, postestructuralismos, neohistoricismos e outras terminoloxías académicas postas e mantidas en circulación nos Estados Unidos. Nesta descripción non me importan os efectos cómicos que poida producir o choque dun único poema con enormes montañas de teoría; o que si me importa é a relevancia social de tal retroalimentación no sistema fechada dunha universidade. A literatura prodúcese, coméntase e consome no mesmo lugar. Sen embargo, xa non se produce un metabolismo coa sociedade. Neste sentido, as recentes manifestacións de Mario Vargas Llosa, no discurso de entrega do Premio da Paz dos Editores e Libreiros Alemáns, alegando que 'case ninguén cre xa que a literatura sirva de grande cousa, agás para non aburrirse no autobús ou no metro, e para que, adaptadas ao cinema ou á televisión, as ficcións literarias, sobre todo se son de marcianos, horror, vampirismo ou crimes sadomasoquistas, mellor, se volten televisivas e cinematográficas', ao tempo que facía un chamamento aos dramaturgos, novelistas e poetas dos países cultos e libres que se desencantan do seu oficio pola frivolización á que lles parece estar a sucumbir ou por cren estar xa derrotados pola cultura audiovisual, recomendándolles dirixir a ollada a esa vastísima zona do mundo que aínda non é culta nin libre para levantarlles a moral. 'Alí a literatura non debe de estar morta, nin ser totalmente inútil, nin a poesía e a novela e o teatro inocuos, cando os déspotas, os tiranos e fanáticos lles teñen tanto medo e lles renden a homenaxe de censuralos, e de amordazar e aniquilar aos seus autores'. Supoño que as palabras do admirado novelista peruano están enchidas da esaxeración que requiren os manifestos e as chamadas de atención perante un inimigo, sen dúbida potencial, que está aí presente, disposto a roubarnos o tempo, a través da seducción inmediata e fácil do audio-visual, nunha cultura da comodidade intelectual e da pasividade do receptor, frente ao lector activo e recreador das obras de ficción. Por iso reflexiona sobre o feito de que 'as ficcións da literatura non poden competir coas que suministran as pantallas, grandes ou pequenas. As ilusións forxadas coa palabra esixen unha activa participación do lector, un esforzo de imaxinación e, ás veces, tratándose de literatura moderna, complicadas operacións de memoria, asociación e creación, algo do que as imaxes do cinema e a televisión dispensan aos espectadores'. Sen embargo, 'as ficcións das pantallas son intensas pola súa inmediatez e efémeras polos seus resultados. Apréixannos e excarcérannnos case de inmediato. Das literarias somos prisioneiros toda a vida'. Nunha resposta a un inquérito suscitado pola revista Lateral, a raíz da publicación do libro de Baier, Manuel Vázquez Montalbán subliñaba que: A literatura tal como a coñecemos, ou o patrimonio que herdamos máis inmediato, é unha creación burguesa. No momento en que hai un planteamento antagónico a literatura dedícase a converter ao burgués no referente negativo, pero tamén segue a depender en boa parte do burgués como o referente para construír literatura; ou ben descompoñendo o seu mundo ou converténdoo no antagonista, inventando un referente positivo novo que será o que sustituirá esa orde. Eu recordo que a etapa da cal viu o telquelismo, nace da seguinte formulación: a novela morreu porque morreu a burguesía. E xa que a novela era a análise privilexiada da burguesía para comprender o mundo, agora debemos quebrar os límites do xénero. Co tempo ¿que descubrimos? Pois que a novela e a burguesía son dous cadáveres que gozan de excelente saúde. Pero ¿que aconteceu? Que a nitidez dese suxeito chamado burguesía desapareceu e agora temos que recorrer a chamarlle clases emerxentes; pódese facer novela da burguesía pero da clase emerxente. E iso é moito máis complexo. Do que se trata é de que non foi substituído un coñecemento social feito á medida das contradicións sociais forxadas no XIX e que chegan ata a guerra fría, por un novo coñecemento social real. E que iso é un instrumento que, en grande medida, impide que a literatura poida meterse neste terreo con certa seguridade. Porque era bastante fácil ese territorio, ben para describir un mundo, analizar un mundo, ou ben para destruílo ou combatelo. O referente estaba moi claro. Nestes momentos a estratexia real de comunicación baséase en que os referentes non están claros, non son nítidos e non teñen uns lindes precisos. Dificultade da grande literatura para desenvolverse nun mercado sobresaturado; a aparición dunha literatura de mercado que contravén os a priori da literatura de calidade; reclusión no ghetto universitario ou escolar da producción, análise e recepción da literatura; competencia desleal e invencible do mundo audio-visual e multimedia… serían algúns dos temas dispostos sobre a mesa. Pero, desde logo, creo que o maior perigo para literatura, cando menos para a concepción de Literatura que herdamos dese período de transición que preside a Revolución Francesa, vén derivado do emprego das máquinas, e moi concretamente das computadoras, nunha nova función, hoxe por hoxe aínda pouco coñecida, non só como difusores de textos literarios, feito este que dalgún xeito podería minguar o poder comunicador do libro, senón, e como veremos, como supersónicos vehículos de axuda ao escritor (Vargas Llosa chamaríalle escribidor), condicionando a calidade e a orixinalidade dos seus resultados. Comezaremos por analizarmos o papel que as modernas redes de comunicación entre computadoras están a ter xa na difusión de cultura e, concretamente, de literatura, analizando a aparición do multimedia e de Internet, que, como todos vostedes saben, incorpora o multimedia, mundializándoo e facéndoo inabarcable pola súa extraordinaria magnitude. Creo que a mellor maneira de situar o asunto é explicar brevemente cales son as potencialidades da Rede de Redes e nada mellor para facelo que citarlles un debate recollido do servidor de Internet de Le Monde Diplomatique e que mostra claramente os prexuízos existentes nunha boa parte dos homes de letras, herdeiros historicamente dunha actitude contraria, ou cando menos reticente, como xa temos comentado, ás innovacións tecnoloxicas. Di o primeiro dos debatentes, un internauta que escribe desde o Magreb: ¿A televisión?: un medio de potencialidades enormes: acceso á cultura, pedagóxico, etc. ¿En que se converteu? Un recurso comercial sen outra ambición que o proveito, xerador dunha pauperización intelectual e cultural, mesmo un instrumento de propaganda ao servicio dos poderes, aínda que sexan democráticos. ¿Internet? Inicialmente, un medio de comunicación do mundo científico e da educación, hoxe fagocitado polo mundo dos negocios que terá baixo a súa man todo canto teña que ver coa información no mundo. ¿Ou pensan vostedes que Internet é algo máis que televisión do Século XXI? Contestación dun internauta francés: Hai unha diferencia maior entre os dous medios. O usuario de Internet é máis activo que o espectador de televisión diante da súa pantalla. As persoas escollen elas mesmas o que queren ver. Este fenómeno é cada vez máis real para a televisión que, a través do cable e do satélite, aporta unha grande capacidade de escolla de emisións. Pero Internet, sen embargo, aporta algo especialmente característico: cada membro da comunidade internáutica pode ser o seu propio realizador e contribuír á extraordinaria riqueza de galerías da rede. Pode, por exemplo, facernos compartir as súas ideas e a súa cultura sobre tal ou cal dominio, cousa que dificilmente podería facer a través da televisión. Neste sentido, Internet parécese máis ao teléfono que á televisión. Eu pódolle escribir unha carta a un amigo ou, mellor, pódolle enviar unha mensaxe electrónica pero en ningún caso, agás en circunstancias excepcionais, podo saír pola televisión para saudalo. Internet é un super teléfono. Pódese falar con varias persoas ao mesmo tempo, intercambiar textos entre grupos, recuperar libros, coller calquera idea ao voo… E moito máis… Recentemente, unha serie de compañías productoras de aparellos de televisión anunciaron o inminenete lanzamento ao mercado dun novo modelo de receptor que permitirá a recepción de Internet. Supoño que moitos de vostedes, se é que non son xa usuarios da Internet, estarán sobradamente informados das características deste fabuloso enxeño de comunicación, así que omito facerlles máis comentarios ao respecto, toda vez que os xornais publican habitualmente artigos, non só de noticias senón tamén de reflexión, sobre o tema. Permítanme, sen embargo, trasladarlles unhas poucas apreciacións Unha das grandes características de Internet, e velaí están as tentativas da administración americana para controlar as informacións vertidas na rede, é, sen dúbida, algunha a liberdade. Podemos dicir, sen temor a equivocarnos, que contén todo tipo de información e que a censura, en realidade, non existe. Certamente que algúns dos seus contidos poden atentar contra a moral ou a ideoloxía de moitos dos seus usuarios pero estes dispoñen dun grande medio para evitalos: simplemente non cargar esas páxinas. O mundo virtual nace sendo libre e, sinceramente, creo que vai ser moi difícil evitar que siga sendo así. As informacións que poidan estar penadas nun estado ubícanse en calquera outro, de xeito que é moi frecuente encontrar servidores que se encontran moi lonxe da que debería ser a súa ubicación natural. Por exemplo, toda a información que se pode encontrar sobre o Kurdistán está, desde logo, fóra de Irak, de Turquía, de Siria, de Irán. Outra cousa é, desde logo, o número ben reducido de usuarios da rede que existen neses países e o escasísimo número deles que poida eventualmente acceder ás páxinas onde se relatan os avatares e as incidencias do etnocidio que todos eses estados están a cometer contra o pobo kurdo. Pero isto non evita que a mensaxe estea aí e que moitos miles de persoas de todo o planeta poidan consultar cales son as posicións ideolóxicas e políticas dos distintos partidos, así como a historia, a xeografía, os costumes destas peculiares xentes das montañas. Outras das obxeccións que se lle fan ao fenómeno das redes de comunicación vén dada pola perspectiva ideolóxica e sustentanda na suposta crenza de que contribuirá a incrementar a desigualdade entre o primeiro e o terceiro mundo. Pero, curiosamente, á luz dos datos que nos ofrece a propia Internet, a maior evolución no número de servidores da Rede de Redes, está a ter lugar en África. E, segundo algúns analistas, desde logo nada sospeitosos de serviren intereses espúreos, a introducción da Internet en África pode ser unha das bases do seu posible enlevamento tecnolóxico e económico. A sociedade industrial estaba caracterizada pola centralización dos medios de producción, distribución masiva dos obxectos estandarizados, a especialización das tarefas e o seu control xerárquico. O seu modelo, botando man da xeometría e da mecánica, é a pirámide e a engranaxe. Mentres que os tres piares que fundamentan o contrato de traballo son as unidades de lugar, de tempo e de función. Coa chegada do tratamento electrónico de informacións, da dixitalización dos datos e do desenvolvemento masivo dos recursos interactivos de comunicación, as referencias clásicas voan en pedazos. Ás tres unidades (de lugar, de tempo, de función) opóñenselle a descentralización das tarefas, a desincronización das actividades e a desmaterialización do intercambio. A sociedade nacente organízase en recursos máis ca en pirámides de poder, en células interdependentes máis ca en engranaxes xerárquicas, á maneira dun ecosistema informativo máis ca en ringleiras industriais lineais. Estas novas ferramentas son á sociedade cibernética o que as máquinas á sociedade industrial. O utensilio básico é o ordenador persoal, multimedia e comunicante. Portátil ou fixo, de oficina ou doméstico, NC (network computer) terminal reducida ao mínimo ou PC (personal computer) posto autónomo, a súa influencia sobre o mundo económico e o seu emprego non fai máis que se intensificar. Desde logo, un dos efectos máis curiosos que se poidan derivar de todo este complexo proceso de dixitalización da información é o que poderíamos denominar democracia directa, algo tan simple como permitir que os cidadáns dun determinado estado emitan constantemente a súa opinión sobre os máis diversos temas, algo así como a celebración de innúmeros referendos sobre as decisións que deba adoptar un goberno. Dubido moito que exista algún político disposto a pór en marcha este procedemento. Pero a porta aberta está xa aí. Os parlamentos deixarían de ter sentido e os cidadáns exercerían o seu poder de decisión en cada momento. Algo así como un canal de televisión destinado perpetuamente ao debate político e no que poderíamos votar a través do mando a distancia. Os resultados coñeceríanse no momento e o executivo tería unicamente a función de cumprir a vontade popular. O sistema podería levarnos, desde logo, a un mundo no que o auténtico poder estivese no control da información. ¿Imaxinan o fácil que sería manipular a amplas masas de poboación, o terrible de moitas das decisións adoptadas 'democraticamente'? Supoño que a mellor resposta é a de que a democracia é o goberno do pobo, non do populacho, mais quen se atreve a tirar do fío de tal premisa sen caír, obrigadamente, no despotismo. A Asemblea Popular Electrónica podería converterse nunha vindicación. En calquera caso, o dato indúcenos a facer unha fonda reflexión sobre os sistemas políticos e a incidencia crecente que neles están a ter os novos medios. A democracia audio-visual, a través da saturación de datos, da elitización dos discursos, do emprego renovado de novos eufemismos, a través dos cales se evita que o cidadán adquira realmente conciencia dos obxectivos dun determinado goberno, fican fóra do noso ámbito de reflexión neste momento, pero, sen dúbida, serían merecedores dunha exaustiva análise que nos aportaría, sen dúbida, moita luz. Basta coller calquera das declaracións que os nosos homes públicos realizan diariamente para advertir un emprego perverso da función poética da linguaxe. Metáfora sobre metáfora, a realidade adquire un carácter perversamente literario. Isto, desde logo, suscita un debate e unha reflexión sobre os medios de comunicación, o seu control por determinados grupos de poder, a súa capacidade para inteferir na conciencia dos cidadáns de xeito interesado, a análise da evidente contraposición entre información e conciencia política, o emprego de determinados formatos televisivos e radiofónicos como ferramentas de alienación, apelando ao máis instintivo e irracional do home. Esixe, en definitiva, unha capacidade e unhas ferramentas de interpretación, unha actitude hermenéutica, un afán descodificador en todos e cada un dos momentos da vida. Ora ben, a maneira en que está planteada a comunicación en Internet, dentro dese ámbito de liberdade que reina no mundo virtual, faría, tal e como está a acontecer hoxe en día, certamente difícil a censura. Toda información pode ser intercambiada no espacio cibernético; toda opinión, emitida. Mais voltemos ao temo que nos ocupa, despois destas breves divagacións sobre un tema colateral e acaso non menos interesante. Como todos vostedes saben, en Febreiro deste mesmo ano, 1996, desenvolveuse unha partida de xadrez entre Gary Kasparov e Deep Blue, unha computadora deseñada por I.B.M. e considerada a máis poderosa de todas cantas foron deseñadas ata hoxe no dominio deste xogo, capaz de considerar 50 billóns de xogadas posibles en tres minutos, ou sexa, facendo a conta, máis de 250 miles de millóns de xogadas posibles por segundo. O resultado final da partida foi de catro a dous a favor de Kasparov. Segundo algúns xornalistas, ese día a humanidade respirou aliviada. ¿Aliviada?, pregunto eu. ¿Que acontecería se a máquina en vez de ter amoreados os datos de miles de partidas de xadrez cos algoritmos precisos para extraer sempre as mellores xogadas en cada situación tivese as estructuras, deseño e descripción de personaxes, acontecementos e alternativas posibles de evolución do argumento da mesma cantidade de novelas, relatos, obras de teatro, biografías, etc? Pois simplemente que, nun só día, a máquina sería quen de deseñar os argumentos de miles de billóns de historias posibles. Precisaríamos un exército mastodóntico, composto por millóns e millóns de disciplinados lectores, para podermos seguir o fío desta extraordinaria máquina de narrar. Afortunadamente esa máquina aínda non existe. Pero o actual desenvolvemento da técnica podería facela posible. Pero non, non se alarmen. Por sorte para todos nós, a cibernética ten uns límites moi precisos no ámbito da linguaxe. As máquinas poden desenvolverse diabolicamente ben no nivel fonético, e no nivel morfo-sintáctico, mesmo no nivel narratolóxico, pero é absolutamente imposible que sexan quen de dar o salto ao nivel léxico-semántico, mesmo que dispoñan dunha enorme base de datos, composta por palabras e o seu significado. Para explicarme voulles contar unha pequena anéctoda. Hai algúns anos, propúxenme crear un programa que fose quen de construír todas as palabras posibles do meu idioma. Despois de levar a cabo un pormenorizado estudio da sílaba e traducilo a linguaxe de programación, ordeneille á máquina que construíse todas as sílabas posibles. En pouco tempo tiven un arquivo con máis de setenta mil formas disponibles. Fixen despois o cálculo das combinacións desas setenta mil formas en palabras de unha, dúas, tres, catro, cinco, seis, sete, oito, nove, dez sílabas. O resultado era sinxelamente astronómico. Miles de millóns de palabras. Isto quería, e quere, dicir, que falamos cunha reducidísima porcentaxe das nosas capacidades expresivas. De feito, unha experiencia como esta revélanos a existencia en potencia de millóns de palabras fermosísimas que a lingua deixou de acuñar, palabras que nos fan ensoñar os seus significados imposibles mentres nos regodeamos na beleza acústica, na fermosura das súas combinacións fónicas. Estamos, pois, perante a parte da lingua que subxace latente pero carente de vida, a lingua do nada. Un amigo meu, músico e poeta, compuxo, aplicando este método, o seguinte poema: Iaserís, Iaserís, ¿me culas lás? Vilal tu sons me ilibas llantero i en gosvigo tus artes manerás. Sinfóns malals, ai, ai, maleroero. Persie ventún cualguiá menisenta anlla menostro eidolín sinsero. Trestudando resmores tinosenta Sinfóns malals, ai, ai, maleroero. Experiencia semellante, ainda que, desde logo, máis complexa de levar a cabo, sería a de saltar ao nivel morfo-sintáctico. Evidentemente a máquina pode escoller lexemas e combinalos con sufixos, prefixos, desinencias, dando igualmente lugar a un sen número de variantes insólitas. Logo pode facer que todas estas formas, combinadas entre si, seguindo unhas determinadas regras sintácticas dean a lugar a frases gramaticalmente correctas, mesmo chegar a xerar textos posuídos todos eles por un inmenso grao de absurdo. Un programiña feito por nós, e que procesa aleatoriamente unha certa cantidade de sustantivos poéticos, tomados previamente da obra de poetas galegos contemporáneos, deu como resultado, obrigado a construír versos que fosen combinacións de tres sustantivos unidos pola preposición de, a seguinte pérola: chegada de outono de frautas, experiencia de vento de harpa, auxilio de sangue de ribeira, discurso de cumio de podremia. Por un instante tiven a impresión de que a máquina era consciente da inutilidade do seu cometido, da súa imposibilidade para ser humana, e quería amostrar a súa electrónica tristeza por este feito. A enumeración é, desde logo, impecable e máis de un crítico podería encontrar nela argumentos convincentes para artellar un discurso coherente. A glosa do texto daría, desde logo, lugar a un magnífico argumento de ciencia-ficción, unha especie de doutor Frankestein da creación literaria. Imaxinen vostedes a este extravagante sabio, perdido entre as sombras dun castelo centenario, procesando complexas computadoras ata conseguir arrincar delas un discurso creativo. A maxestuosidade do momento en que as máquinas comezasen a emitir o seu discurso sublime, perfecto, irreprochable, cargado dunha sustancia inatinxible para os humanos. O pracer deste inventor, novo Hermes redivivo, ao escoitar esa balada musical e excelsa. A sombra de Frankestein planea sobre o mundo da computación orientada á lingua e á literatura. Todo isto non está, desde logo, moi lonxe da máquina de narrar que describiu George Orwell na súa obra 1984, unha máquina, non tan sofisticada como as que se poderían crear hoxe, que facía sub-literatura para as clases populares, noveletas e historias de intriga, amor e desamor, para o proletariado do que el entrevía como futuro. Ora ben, como imos demostrar a continuación, o proxecto desta máquina ou, mellor dito, dos programas que farían realidade esa máquina, está en marcha hai xa bastante tempo. As compañías de software americanas fixéronse eco, recentemente, do sustancioso mercado que poderían encontrar no mundo dos guionistas de cinema e de radio e televisión do seu país, así como dos writings labs ou talleres de literatura que se desenvolven en moitas das súas universidades, de tal maneira que idearon unha serie de aplicacións, que hoxe en día constitúen unha parte importante da oferta de novos productos aplicados á literatura, que axudasen a todos estes creadores na súa tarefa diaria. E aínda que ningunha destas aplicacións é, polo de agora, quen de resolver un texto literario ata as súas últimas consecuencias, confeccionando o tecido da expresión lingüística e estilística dun discurso literario, o interesante destes programas é que constitúen un paso adiante no camiño desa portentosa máquina de narrar á que antes nos referíamos. ¿É posible crear esa máquina? ¿Significaría esa máquina o final da literatura? Resulta sumamente interesante analizar todos estes productos para comprender de que maneira a cibernética está a variar a concepción tradicional da literatura e, sobre todo, para saber de que ferramentas teóricas se valen, no camiño de dilucidar en que medida os achados da teoría e crítica literaria poden ser aproveitados desde o mundo da computación. Para ofrecerlles unha mostra ben gráfica de todo isto voulles describir unha aplicación que chegou recentemente as miñas mans e que se sitúa claramente no ámbito do que poderíamos denominar narratoloxía cibernética. Trátase do programa StoryCraft, subtitulado nin máis nin menos que The Ultimate Story Generating Software. O programa traballa segundo o que os seus creadores denominan o Método Jarvis. O tal método consiste na aplicación dunha serie de principios establecidos polo seu creador despois da análise de moitas obras clásicas da literatura. Para iso botan man do que denomina os catro elementos básicos da técnica de narrar (Concepto, Tipo, Categoría, e Componentes (Entorno, Personaxes Principais, e Axudantes). O Concepto sería o que os nosos textos escolares de comentario literario denominan tema central. Así, por exemplo, o Concepto de Romeo e Xulieta, sería o Amor ou, se se quere, o Amor como potencialidade que pode ultrapasar á mesma morte. No Tipo recoñece catorce tipos básicos de historia. A saber: Puzzle, Aventura de Personaxe, Aventura Local, Persecución, Captura e Fuga, Víctima Triunfante, Vinganza, Secuestro e Rescate, Transformación Sobrenatural, Transformación Interna, Amor, Amor Intenso, Chegada da Vellez, e Exceso e Caída. Igualmente, estes catro elementos básicos van acompañados do que se denominan os doce pasos da creación da historia: 1. Dúas introducións: Heroe (baixo sospeita); Antagonista (a víctima). 2. O heroe comeza a axuda (O Antagonista, ao principio inseguro, decide colaborar). 3. O Antagonista é advertido sobre o Heroe. 4. O Antagonista vai ao encontro do Heroe. 5. O Antagonista ve o Heroe baixo sospeita por primeira vez. 6. Tentativas do Heroe para liberarse da súa maldición. 7. As tentativas do Heroe para liberarse da súa maldición continúan. 8. O Heroe trata de matar o Antagonista. 9. O Heroe deixa vivir ao Antagonista (a maldición desaparece). Transformación. 10. O Antagonista e o Heroe tratan de integrarse na sociedade pero son rexeitados. 11. Fracaso do Heroe na súa loita por ser aceptado. 12. Antagonista e Heroe abandonan a sociedade civilizada. A través dunha serie de pantallas nas que o usuario vai escollendo as distintas opcións da historia que quere crear (nome e características dos personaxes, tipo de conflicto entre eles, solucións posibles ao conflicto, etc.) esta singular aplicación, que, como dixen, non é máis que unha das moitas que xa existen no mercado, elabora, previo suministro do número de páxinas aproximado que queremos que teña a historia, e aplicando a estructura clásica de presentación, nó e desenlace, mais o que denomina pre-nó e pos-nó, isto é momentos de climax, anteriores e posteriores ao momento central da historia, unha especie de guión, un crucigrama literario que autor-usuario só ten que reencher. En realidade, como ben poden ver, trátase dunha variante do método establecido a principios deste século polo formalista ruso Vladimir Propp para a análise dos contos fantásticos e populares rusos e que tanto éxito acadara entre os vellos guionistas de Hollywood. Pero o curioso é que, seguindo todos e cada un dos pasos que nos facilita o programa, somos quen de construír, unha tras outra, marabillosas historias, eu diría que historietas, que non están demasiado lonxe, en canto á súa calidade, das que nos ofrecen semanalmente, as últimas novidades da carteleira americana ou, diariamente, os folletíns e series que se emiten por televisión. Un esquema repetitivo en canto á súa estructura pero novidoso en canto ás peculiaridades da historia que podería estar emitindo sen cesar argumentos de todo tipo e afrontando os máis diversos temas. Como resultado de todo este proceso, realizado de xeito electrónico co apoio da máquina, encontrámonos con que a redacción final dun texto narrativo chega a converterse, para quen queira empregar estas novas técnicas, nun simple reencher de formularios. Un método que debe facilitar, e moito, o traballo dos guionistas e demais creadores de ficción, independentemente, desde logo, do valor que poida acadar o resultado final do seu traballo. Estámoslles unicamente a describir o funcionamento dun deses programas pero debo advertirlles que o actual desenvolvemento das técnicas de computación pode chegar desde longo moito máis lonxe. Se o programa tivese arquivadas e diseccionadas a suficiente cantidade de obras da literatura universal, cousa por outra banda perfectamente posible, calquera narrador-usuario podería ir confeccionando o tecido do seu texto ao xeito dun puzzle, tal e como fixera Eliot na súa The Waste Land. Que o personaxe se encontra paseando unha tarde de chuvia por unha rúa céntrica, pois entón podo escoller entre un fragmento de Proust, outro de Henry James, etc. Que o narrador precisa unha cita erudita para explicar o conflicto do personaxe, non hai problema. Desde Heráclito a Lukacs acoden inmediatamente á miña cita. Que teño que mover ao protagonista polo interior da súa casa. Tranquilo. ¿Que prefires? ¿Kafka ou Valle Inclán? E así sucesivamente. Nos comentarios sobre o Quixote que Foucault insertou en As palabras e as cousas sobranceaba un (cito de memoria) no que se definía a novela cervantina como un dos primeiros síntomas da modernidade en tanto que na segunda parte do Quixote os personaxes que ía encontrando o moi ilustre cabaleiro eran case sempre personaxes que leran previamente a primeira parte da novela. Se nas Meninas de Velázquez o pintor está dentro do cadro e o espectador convértese no obxecto da pintura, no Quixote a literatura facíase tema da literatura. Cervantes sería, pois, o primeiro en comezar a construcción do puzzle empregando as súas propias pezas. Pois ben, a computadora culmina esta literatura de puzzle, desde logo sen o talento de Cervantes nin o de Eliot, mais deixándolle ao usuario ese último toque persoal, como en tantos programas que permiten a quen os emprega personalizalos, deseñando o entorno visual de traballo, reconvertendo os signos e os códigos da nosa tradición cultural, reciclando o lixo da cultura herdada, da cultura consumida. Chegamos ao momento de retomar un cabo que deixáramos solto páxinas atrás, un cabo que, acaso, tal o fío de Ariadna, poda axudarnos a nós, Teseos do inicio da era cibernética, a saír do labirinto.. Creo que hoxe máis ca nunca cabe recuperar algúns dos temas clásicos da tradición da teoría literaria que resultan, á luz das novas tecnoloxías, de necesario replanteamento, toda vez que a través deles podemos encontrar novas vías para resolver algunhas das perplexidades, se as houber, en que nos poden sumir as máquinas. A primeira de todas elas é, sen dúbida, a oposicion que se dá desde as Poéticas clásicas entre o que, empregando termos latinos, denominaremos Ars e Ingenium ou, se se prefire, entre Traballo e Inspiración. Un campo que queda, desde logo, fóra do dominio das máquinas, é, sen dúbida, a psicoloxía. Creo que é esta perspectiva a que nos ofrece o mellor antídoto contra o poderíamos denominar tentación cibernética, toda vez que nos revela as complexidades dos procesos creativos, ao tempo que nos ensina a valorar as innovacións introducidas polos autores no dominio dos signos culturais e dos seus complexos sistemas de códigos, elementos nutricios básicos, como se sabe, da literatura. Pois ben, desde esta perspectiva, encontramos cando menos tres autores que nos poden dar certas pautas á hora de afrontarmos esoutra literatura que vai ficar fóra do dominio das computadoras. Refírome a Carl Gustav Jung, a Ernst Kris e a Didier Anzieu. En Psicoloxía e Poesía, distingue Jung entre dous tipos de creación: as que el denomina a Psicolóxica e a Visionaria, ou sexa, a derivada da Ars, do traballo, e a derivada do Ingenium, da inspiración. As obras concretas da literatura, segundo Jung, pertencen ben a un tipo, ben a outro. O tipo psicolóxico ten como materia os ricos contidos da conciencia humana, a experiencia da vida, as emocións, as paixóns, o destino do home, etc. En definitiva, o que a conciencia humana coñece e sinte. A literatura de tipo psicolóxico esta elaborada con materiais conscientes e, por medio da observación (interna ou externa) por parte do escritor. Este remóntase desde os materiais cotiáns ata as alturas da súa vivencia e plásmaa de xeito que a súa expresión conduza claramente á conciencia do lector ou do auditorio, con grande forza de convicción, algo que é de por si corrente, sentido de xeito confuso ou penoso, e que, polo mesmo, é esquivado ou pasa inadvertido. O escritor de tipo psicolóxico revela o mundo diario aos seus lectores, eleva a cotidianeidade, confusa, penosa, inadvertida, ata as súas conciencias. A materia prima desta literatura procede da esfera do home, da cadea eterna das súas dores e alegrías, é un contido da conciencia humana que a creación poética se encarga de aclarar e transfigurar. Pertencen a este tipo de literatura de tipo psicolóxico moitos subxéneros: a novela de amor, de ambiente, de familia, a novela policíaca e a traxedia e a comedia. . Os seus contidos xorden do vasto campo da experiencia humana, do psicoloxicamente captable e comprensible. Pola contra, no tipo visionario de literatura: a materia ou a vivencia que serve de contido á plasmación non é nada coñecido, é unha entidade estraña, de natureza recóndita, como surxida dos abismos de tempos prehumanos ou de mundos sobrehumanos de luz ou de sombra, unha protovivencia perante a que a natureza humana sucumbe por debilidade e perplexidade. O valor e a puxanza residen, aquí, no carácter mostruoso da vivencia, que brota como algo estraño e frío de simas situadas fora do tempo, unha vivencia que da saltos, de tipo demoníaco-grotesco, que rompe os moldes dos valores humanos e das formas belas, o novelo espantosamente risible do eterno caos, un crimen lesae majestatis humanae, para dicilo con palabras de Nietzsche. Pois ben, de seguirmos a apreciación de Jung, está claro que a cibernética comeza a ocupar determinados territorios do literario, os territorios que pertencen á categoría do codificable, do repetido, do estereotipado, do non orixinal. Das grandes nacións literarias definidas por Jung, as que el donomina a psicolóxica e a visionaria, é a primeira a que xa se enfrenta a esta ocupación. Por dicilo doutra maneira, as máquinas poden repetir, reiterar ata a saciedade un esquema de creación previo, suministrado a priori á computadora, e realizar sobre el todas as variacións que se poidan concebir. O que non é quen de facer a máquina é de crear un novo prototipo, un novo modelo. Ora ben, todo isto debería facernos reflexionar sobre o significado da literatura. Humildemente, penso que a cibernética deita por terra algunhas das ilusións do formalismo e do estructuralismo, toda vez que se vale deles para desenvolver os seus novos productos. Cando Roman Jakobson definiu o seu concepto literaturnost, isto é, literariedade, afirmando que 'o obxecto da ciencia da literatura non é a literatura, senón a literariedade, ou sexa, o que fai de unha determinada obra unha obra de arte', non podía imaxinar o lonxe que estaba de dar coa esencia desta nosa arte. Certamente que a literatura é forma e estructura, aspectos estes perfectamente asequibles para unha máquina, pero sobre todo é significado. Dada a estructura dun determinado poema, eu podo facer que unha computadora execute infinitas variacións, a base de procurar e combinar todos os sinónimos das palabras orixinais, dando lugar, mesmo, a textos de beleza superior ou equiparable. Podo mesmo esixirlle que manteña o ritmo do texto, que procure formas de igual tonicidade e número de sílabas cás orixinais, etc. As experiencias de literatura cibernética realizadas ata hoxe, algunhas delas publicadas, demóstrano contundemente. Como queira que todo texto procede doutro e todos realizamos consciente ou inconscientemente este proceso cando escribimos, barallando un número incalculable de cartas que constitúen o noso fondo cultural, as máquinas poden perfectamente chegar a imitar ese proceso. Sen embargo, o que nunca vai estar en mans da máquina vai ser a decisión final sobre o texto, ese dictame derradeiro que vai sempre acompañado pola satisfacción da obra lograda e que é o selo indiscutible do que chamamos arte. Tzvetan Todorov afirmaba que non era lexítima unha noción estructural de literatura e contestaba a existencia dun discurso literario homoxéneo, visto que ocorren características literarias fora da literatura e visto que se tornou igualmente obvio que non existe ningún denominador común para todas as produccións literarias, a non ser o uso da linguaxe. Certamente, a suposta arte literaria das computadoras parte da negación rotunda da afirmación de Todorov pero, acaso, sexa desta definición da que teñamos que partir se queremos realmente unha literatura que fique fóra do dominio das máquinas. Ora ben, ¿sería posible que esta nova literatura correse ao encontro do lector e puidese equipararse no combate pola audiencia coa literatura pautada e obedecente a regras prefixadas que, cada vez máis, define o horizonte de expectativas do receptor na comunicación literaria? O nivel pragmático da linguaxe, ese que fai variar o significado dunha palabra cada vez que a pronunciamos, en función do contexto en que foi dita, sería, mesmo poñéndonos a facer ciencia ficción, inatinxible para unha máquina. A máquina manexa signos e todos sabemos, cando menos desde Saussure, que o signo é arbitrario. A intelixencia, a sensibilidade, a paixón, o humor que facemos recaer en cada unha das palabras que pronunciamos ou escribimos é, desde logo, a nosa salvaguarda. Creo, sinceramente, que esa é a verdadeira materia de que está composta a literatura. Perdamos, pois, o medo ás máquinas e deixemos que sigan sendo as escravas do noso verdadeiro poder: a creación. Ora ben, recoñezamos, con humildade, que moito do que facemos, e nisto as máquinas poden sernos dunha axuda inestimable, é barallar e deitar, sobre o tapete da páxina en branco, as cartas marcadas dos signos culturais adquiridos. Velaí as tabernas e os palacios, as miserias e os triunfos desta nosa condición de escritores. Xa para rematar, e despois de agradecerlles a todos vostedes a súa atención e a súa amabilidade, non queremos pór punto final a estas nosas palabras sen manifestarlles a nosa certeza de que os avances tecnolóxicos, lonxe de ser un impedimento para o noso desenvolvemento humano e creador, serán, sen dúbida, unha ferramente inestimable que nos axudará a comprender moito mellor a natureza da nosa actividade. Voltando a oposición que establecíamos páxinas atrás entre Traballo e Inspiración, debemos salientar que as máquinas se sitúan claramente dentro da esfera do Traballo. Son, por así dicilo, complexos aparellos que nos facilitarán grandemente o esforzo creativo, que nos resolverán dúbidas e que nos fornecerán de datos, unha especie de máquina de escribir e biblioteca reunida nun só elemento que, ademais, pode ter outras moitas funcionalidades, como as da comunicación e a publicación. Quero finalmente trasladarlles unha última provocación, se cadra como maneira de incitar un posterior debate. O texto pertence ao Manifesto pola Filosofía de Alain Badiou e reza así: Non admitimos que a palabra técnica, mesmo que se faga resoar nela o grego techné, sexa apta para designar a esencia do noso tempo nin que nela haxa calquera vínculo, útil ao pensamento, entre 'reino planetario da técnica' e 'nihilismo'. As meditacións e diatribas sobre a técnica, por máis que sexan admitidas, non deixan de resultar ridículas. Fai falta dicir ben alto iso que moitos heideggerianos pensan polo baixo: os textos de Heidegger sobre este punto non escapan a esta énfase. O camiño forestal, a ollada clara do paisano, a devastación da Terra, o arraigo no lugar natural, a eclosión da rosa, todo este pathos, desde Vigny ('sobre este toro de ferro que fumega e que brama o home subiu demasiado tarde') ata os nosos publicistas, pasando por Georges Duhamel e Giono non está tecido máis que de nostalxia reaccionaria. O carácter estereotipado deste rumiar, que revelan o que Marx chamaba o socialismo feudal, é polo demais a mellor proba do seu escaso sentido. Se teño que dicir algo sobre a técnica, cuxo vínculo coas esixencias contemporáneas da filosofía é demasiado débil, sería sen dúbida o reproche de que é aínda demasiado mediocre, demasiado tímida. ¡Tantos instrumentos útiles fan falta onde non existen máis ca versións burdas e incómodas! […] Si, cómpre dicir: señores enxeñeiros, aínda un esforzo máis, se realmente queredes o reino planetario da técnica. Moitas gracias. [Image] [Image] Regresar á páxina de inicio