[Image] [Image] [Image] Xosé Luís Méndez Ferrín (Ourense, 1938) [Image] Obra poética: Voce na néboa, Colección Alba, Vigo, 1957 Con pólvora e magnolias, Rompente Edicións, Vigo, 1976 Poesía enteira de Heriberto Bens, Edicións Xerais, Vigo, 1980, libro que inclúe os poemas da Antoloxía Popular publicada en 1972 co seudónimo de Heriberto Bens, acrecentado co Sirventés pola destrucción de Occitania. O fin dun canto, Ed. Nós, A Coruña, 1982 Erótica, Eloy Lozano Editor, Ourense, 1992 Estirpe, Edicións Xerais, Vigo, 1994 Texto crítico sobre a poesía de Ferrín [Image] «...y no hallé cosa en que poner los ojos...» QUEVEDO Terra de proseguir e non dar nada, despaciosa Galicia que nos levas acochados en tí!. Lento veleno que pon nos ollos unha cousa verde!. Língoa que me enche a boca enteiramente e coma un río interno me asolaga. Quero decir teu nome e digo apenas xente de terra, homes lentamente ún por ún devecendo e sendo nada. Galicia coma un rio que se estiña, terra de esmorecer, patria do vento!. Quero decir teu nome e digo dorna valeira, mergullada dorna negra, grande arado sen bois, feira sen xente, noite que ven, enorme noite fria... Quixera alzar meu canto coma un puño e pór na miña voz teu nome ergueito pero non hai ninguén para escoitarme. De Poesía enteira de Heriberto Bens [Image] En Compostela pode un home escoller óboe e docísimo cor ao contrapaso, decair nos tremedoiros (VIBRA, CORAZON GASTADO!), tenra especie de prantas espiráis e añuca ou seixo de xogar antre os dedos. Pode pedra luída alzarte sobre sí coma un guerreiro é proclamado rei de oucas e carballeiras vellas. En Compostela pode un vento duro estremecer o corazón da Europa campesina que todos temos dentro sen decilo. En Compostela soan polonesas, nacionalmente, en moitos plenilunios cabo de trasparentes ollos, mortos, e un barroco de bronce ergue paxaros de duro mármore e oubear oubean os couselos nas murallas de san Martiño Pinario. En Compostela, enfin, compañías de mortos compañeiros comen caldo insumiso na lembranza ilustrada (VOTO POR VOS: ROSALIA, PONDAL, FARALDO) das cabezas alzadas. En Compostela está o que perdemos e vai nacendo noutros i esto é o grande milagre (¡UNHA LAPA LENE, UNHA CANDELEXA!) da conciencia desta patria conservada en pequenos corazóns ardentes con fogo doce que non morre. En Compostela soterraron a semente chamada Xohán Xesús González, porta dun futuro suntuoso e proletario que avanza cara nós con alboroto e venme o arreguizo somentes de pensalo e de amalo. En Compostela estamos moitos xa para sempre derrotados. De Con pólvora e magnolias [Image] Estás como caída, depresión ou lobos azúis e lonxe esfragándose antigos. Estás, amor, perdida, ledamente ensarillada en ti, ledamente acompasada á morte que se achega con tatuaxe de festa. Estás, oh castiñeiro de vran, cobexando tropas de saltóns e chuchameles murchos. Estás de ventre aberto e unha procesión de agres berros, volvoretas, arrótanche as entrañas e os adentros sen luz. Estás, fuxinte, eiquí e non estás porque sábe-lo arte de seres simultánea e agallopar cos ollos os teus trigos nativos poderosamente ateigada de sol e de mapoulas. Estás en min, coma quen ten, sin nome, un melro ou un fouciño pra conqueri-los días nos que ti non estás, nos que ti non estás, nos que ti non estás. De Con pólvora e magnolias [Image] ILLA Estreitarei a tua cinta leve con medo de perder cousas de vidro Valeiradas estancias de crepúsculo infernan vermellóns rubíns de escuma e toda estrelecente rubra prata convócame a encarnada cuncha lisa Esta illa de pedra sobre a lámina do mar de Lapamán en quedo intre detén o cor cesura de infinito ou estantía suspensión de tránsitos Buguinas incendiadas de silenzo prorrompen en estrépito calado A onda no reventa que está inmóvil detida no proceso de apreixarte Moimento de sí mesmo o sol deténse e o seu fulxir de fogo que alapea fíxase en brasa ou moeda estática Ficou queda a gavota a dorna absorta Naufragou no meu verso tanto instante Porque hei de rachar este ar de mármores cinguirei o teu van e nun aombro de carnes todo voltará a ser móvil De O fin dun canto [Image] A UN MEU FILLO «Heureux qui, comme Ulysse, a fait un beau voyage, ou comme celui-là qui conquit la toison, et puis est retourné, plein d'usage et raison, vivre entre ses parents le reste de son age!» JOACHIM DU BELLAY Cando regreses a Vilanova dos Infantes despois de visitares terras sen número recoñecerás que as cousas son máis pequenas e encolleitas do que ti lembrabas pro o teu cor moito máis grande porque nel entrara o mundo. Cando regreses a Vilanova dos Infantes despois de que o teu esprito tivera amado co vigor azul veludo do papilio manchaon e outras grandes bolboretas e nos teus ollos se cebara o ferrete dos mil velenos inimigos, atoparás irónico o xesto do Castromao, do Furriolo e outras montañas que encadran a tua patria con fidel constancia de quen é manso, tutelar e interno. Cando regreses a Vilanova dos Infantes e entres na casa que fundaron os teus antergos con lucidez e traballo imprecisábel, notarás a benvida dunha brétoma insidiosa a vear cada obxecto como visto entre bágoas; música haberá en escadas, olas, pipas, lámparas e espellos ou ecoar de labores que hai cen anos alí houbo e nun repente prorrompen nos teus ollos alapeados. Cando regreses a Vilanova dos Infantes e os canastros, a profundidade das adegas, o terror dos subterráneos onde son as trabes de ouro e de [alquitrén, a derrota das murallas no Arrabaldo, o agurgullo da Fonte de Baixo, a morte enguedellada en cada corredor derruído, acheguen a ti a man pálida dos antanos amantes, na tua res domeada polo peso do sentido choutará un alustre de namorada tristura como que alumea un facho de luz verde e arcaica. Cando regreses a Vilanova dos Infantes tremeránche os xoenllos do corazón e na alta noite a inmensa lua chea iluminará pra ti a clave do labirinto e o teu pai sorrirá dende o frío sepulcro porque terás conquerido o que ti es e poderás cantar en Tra-la Cerca como cantou o poeta dos antanos de Francia: «Feliz aquel que, tras de percorrer, como Ulises, as mil aventuras dos mares do mar e dos mares da paixón vermella arrebatada; ou aqueloutro que, navegando o Ponto na percura procelosa, máis que un Año de Ouro, acadou a ledicia innumerábel da Misión e da Viaxe comprida: tras cortar incidentes coma rosas retorna a Vilanova dos Infantes completo de sabiduría» De O fin dun canto [Image] CABALOS ouvan o desafío ao vento norte do griñon arreitado ouvan a súa porfía coas rochas todas do Monte dos Arruídos e da Chaira de Amoroz e das Illas de Poente hai un terror no corazón do cabalo que vén de tan atrás coma o teu arreguizo subitáneo ao estoupares comigo cabaleiro en urros esgutios queixa esgrevia de torgueiras enleadas nos días de estarmos a rolos polo salcedo a carón das égoas do monte o noso amar é dozor de xesta albar a miña besta aletexa bolboreta en rosa escuro polas húmidas provincias do seu sitio de femia e eu o cabalo cheiro reverenciosamente os visgos seus de dona das poulas dilatadas das górguas recendentes a tomelo e fiuncho das corgas de abrevarmos nas raxeiras do sol das gallopadas loucas cando intervén o lobo e a grea se recolle ao abeiro do sucastro mollo daquela as nefras na urina que ela me ofrenda coma un hidromel de festa e cerimonia logo vén a batalla con armamentos de carne que non mata que non mata cabrinfollos nin trebos do vale sinte o cabalo o peso do seu amo e bólelle o corazó igoal ca os cascos pois aquel galego arcaico que lle impuxera a marcha de andadura que o deprendera e abaixara coma un que domease bimbios por facer un queipiño saberá levalo contra o sitio do mundo das paces ou das guerras necesario pra que resulte este futuro do que hoxe nos laiamos. De Estirpe [Image] COLOFÓN A Chus Pato e Xabier Cordal Verba estirpe, marmaña, Sárdoma na Terra. Eran estas as nocións: touza, carqueixa, corga, Carnota. As gándaras do sentido, as poulas nas que o ser se entorga: toutizos, coios. Támega, Tamuxe, Tameiga, tal coma brañas enchoupadas, Arnoia que é escomincipio e a derradeira frouma do alentar de meu. Visítame, Arousa, paúlo. Deixa que che meta os dedos na boca, señora miña Arousa. Un peirao na Barbanza que se chama Pondal. E cabernas de arca, e cabernas de couso. Arteixo vira en cambas polos cotos herdados, polas searas do esprito que nunca foi vencido. Esposo mascato é, píllara tímida eu. Dille berce ao inimigo, e veralo esmaciar. En Patia río hai que chaga a ser chamado Eu, ou qué. Deva devala en meras, por panasqueiras tenras, polos biduídos dos bidos lonxanos. Primeira cousa: a lousa, morte ao estranxeiro opresor. Toxo esgrevio acódenos, arnal, por consolarnos na desfeita. Lamas, Ulla, Limia, illó: carpazona, eih, coa virilla quente. Ai, como tu es veiga pre min. A túa crencha, prenda, teu buraco, teu buraquiño, bouza. Cómo sodes, as searas, qué cabazo. As cabanas de colmo a poboarnos a ánima esfragada neses caborcos. Os beizos, as várceas, a saudade. Non esquezas as verbas estirpe que son morte pró estranxeiro opresor, elas nos lavan. Sempre dirás: URCES. Repite: os carballos. De Estirpe